Menu Xerais

Libros de Xerais sobre o Camiño de Santiago

Coa chegada ás librarías da nova Guía do Camiño de Santiago para peregrinos, preparada por Antón Pombo, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Xerais completa a súa oferta deste ano xacobeo 2010. Velaí a información sobre libros que abranguen diversos xéneros, dende as guías, estudos etnograficos e historios, pasando por libros fotográficos, a títulos de literatura infantil e xuvenil.

Esta Guía do Camiño de Santiago para peregrinos de Antón Pombo inclúe o percorrido desde Ponferrada a Compostela a través de 9 etapas coidadosamente descritas. Ademais, a guía continúa con 4 novas etapas e as súas variantes, para incluír tamén a prolongación do camiño a Fisterra e Muxía. O autor, xornalista e historiador Antón Pombo, é un dos mellores coñecedores das rutas xacobeas. Estas páxinas ofrecen toda a información necesaria, de carácter práctico e cultural, para o peregrino: a calidade do chan (asfalto, terra, pedregal…), os albergues e aloxamentos alternativos, os perfís altimétricos, as zonas de sombra, as fontes, os centros de asistencia médica, mapas moi detallados, desvíos de interese, planos, restaurantes, así como a información de interese cultural sobre as visitas atractivas, as aldeas, as vilas, as cidades, os monumentos, a ruta e o seu ambiente, a arte, a historia, etc. Esta guía inclúe, ademais, no seu interior, importantes mapas en abano, despregables, útiles e independentes, para seguir, paso a paso, o rastro do Camiño. Unha guía práctica e actualizadísima dirixida aos peregrinos que avanzan cara a Compostela a pé, dacabalo ou en bicicleta, o libro está aberto tamén ós que queiran coñecer algún tramo da rota, así como a aqueles que, dispoñendo de coche, se interesen polos aspectos paisaxísticos e monumentais dun itinerario declarado Patrimonio da Humanidade.

Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías (historia)

En Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías debulla as súas lembranzas para referirlle á cidadanía os sucesos acaecidos ao longo de séculos en Compostela. Aldonza observou desde finais do século XI a cantos franquearon os limiares da porta do Perdón, na fachada de Praterías, sentido en cada momento o latexo da cidade. Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, a autora de Pedras de Compostela, móvese animada pola esperanza que a cidadanía compostelá redescubra a adúltera pillada en flagrante, esa marabillosa escultura románica da catedral, e que a reincorpore ao seu patrimonio persoal. Pedras de Compostela reúne sesenta e oito fermosos textos, acompañados de fotografías de Manuel G. Vicente, que percorren a historia de Compostela durante nove séculos e acrecentan o gozo de vivir nesta cidade de pedra. Como afirma José Mª Díaz, Deán da catedral de Compostela, no prólogo, Aldonza –“esa Aldonza feminista precoz, reivindicativa e, por momentos laicista militante”– “debeu de escapar durante moitas noites do seu posto”, tanto para estudar de seu os espazos interiores da Catedral como para atender o paso dos peregrinos ou seguir o desenvolvemento da cidade: traída de augas, fontes, hospitais, institucións docentes, etc.

A cripta do Apóstolo, Pere Tobaruela (novela)

Xacobe, Paula, Jaume e Candela, e o resto dos seus compañeiros de clase, protagonizan a aventura de percorrer o Camiño de Santiago durante dezaseis días. Coa mochila ao lombo, combinando traxectos a pé e desprazamentos en autocar, estes mozos e mozas peregrinos do século XXI percorrerán un itinerario cultural fascinante que os levará dende Somport, un porto de montaña no Pireneo de Aragón, situado preto da fronteira francesa, deica a catedral de Compostela, onde está a cripta do apóstolo. Mais no comezo da súa viaxe, un dos monitores que os acompaña, un personaxe moi peculiar, alértaos de que un perigo sobrevoa a cidade compostelá. Será certo?

O camiño de Fisterra, Fernando Alonso Romero (guía, etnografía)

Bordón, sombreiro de ás anchas, zurrón de pel de cervo, cabaza para a bebida e cuncha ó peíto, os peregrinos xacobeos adoitaban proseguir a súa viaxe trala Vía Láctea, polo antigo Camiño Real, na procura fascinante da temible fin do mundo, a Fisterra Atlántica onde todo remataba. Era o camiño que conducía ó punto máis extremo do mundo occidental, alí onde se cruza a tradición pagana coas crenzas dos primeiros monxes cristiáns. O éncontro animista presente en San Andrés de Teixido e a fantasía do home que quere descubrir como o sol cae ó mar e ó lume que xorde da auga. O espírito, entre curioso, aventureiro e piadoso do peregrino medieval, que uníversalizou as terras de Galicia e Compostela coa súa tradición oral e a súa cultura e que levou o nome desta terra polo mundo adiante. E ata hoxe, o Camiño de Fisterra perdurou no espacio e na memoria. O Camiño de Fisterra é a crónica da reconstrucción deste percorrido. O autor, Fernando Alonso Romero, profesor da Universidade de Santiago e especialista en etnografía e arqueoloxía naval; esculcóu nas razóns máis fondas que levaban ós peregrinos nesta percura do fin do mundo. O encontro co aventura humána, a procura de novos horizontes, a ilusión de seguí-lo sendeiro da Vía Láctea, pola rota do sol que conduce ata Fisterra. Fernando Alonso propón ó lector, tamén o camiñante, un itinerario que reconstruíu, dividido en catro xornadas ou tramos para realizar a pé. Itinerario que transcorre desde Santiago, Roxos, Augapesada, Negreira, Zas, Maroñas, Hospital, Cee, Corcubión ata Fisterra. Un libro multilinüe, que ademais da galega, inclúe versións completas en castelán e inglés, complementado coas fotografías da autoría de Xoán Vilar Cardona. Un fermoso libro para ler e camiñar na procura do fin do mundo.

Peregrinos, Manuel González Vicente (fotografía)

Unha muller leva as mans á cara, coma se a dor das bochas dos pés lle tronzase a alma. Outra intenta avanzar en contra dunha intensa nevada. Un grupo de músicos peregrinos tocan improvisadamente nunha voda que atopan no camiño. Así é Peregrinos, de Manuel G. Vicente, un cálido, tenro, vivo e fermoso libro de fotografías sobre os peregrinos e sobre os habitantes do camiño. Peregrinos é o froito de dez longos anos de traballo dun fotógrafo que retrata o camiño desde dentro porque durante todo ese tempo viviu no seu propio ventre, como camiñante que é, e como membro fundador da Asociación de Amigos do Camiño do Santiago. Son daquela, todas elas, fotografías sentidas, vitais, intensamente verdadeiras, realizadas ó longo do camiño entre 1989 e 1999. Por iso, Manuel G. Vicente nos ofrece este magnífico traballo fotográfico, esta selección, francamente conmovedora, de todo o que a súa cámara, xenialmente manexada, captou a través de tantas olladas, de tanta convivencia, e con tanta tenrura e mestría sobre todas esas persoas que un día (desde que o camiño aínda non estaba de moda ata hoxe) decidiron calzar as botas e lanzarse á aventura compostelá. En Peregrinos está a paisaxe, a natureza omnipresente do itinerario, pero, sobre todo, están os sentimentos humanos reflectidos en todos e cada un dos rostros retratados: a dor, o sufrimento, a solidariedade, a alegría, o abatemento, a ilusión, a dureza, a xenerosidade, a entrega, a amizade. Valores todos eles que fan deste libro un retrato vivo e universal da alma das persoas. En tanto, desde o prólogo, José Antonio de la Riera, outro excelente coñecedor do Camiño de Santiago e tamén membro fundador da Asociación de Amigos escribe a letra emerxendo desde palabras divertidas, irónicas, reinterpretativas e ben cimentadas nun texto que ubica ó lector no punto exacto en que o camiño de Santiago se sitúa hoxe.

Resalgario, Antonio Reigosa (novela)

Resalgario é un dos fillos máis novos do Demo Maior. Resalgario cando viste de demo ten cara de coello, pelello negro, as mans peludas, pés de cabra, uñas de gato e un rabo enrodelado. Por fuxir do Inferno o seu pai imponlle como castigo marchar de Peregrino a Compostela durante un ano. Disfrazado de humano, Resalgario terá que utilizar todo o seu enxeño para saír con ben das diversas situacións coas que se vai topando ó longo do camiño. Resalgario de Antonio Reigosa é unha narración que recrea con acerto o mundo dos relatos de tradición oral. O humor e o enxeño aparecen en todo o seu explendor nesta magnífica novela.


Comentarios pechados