Menu Xerais

«Lois Pereiro. Breve encontro», novela gráfica de Jacobo Fernández sobre Lois Pereiro

Esta novela gráfica, en branco e negro, de Jacobo Fernández Serrano, primeira no catálogo de Xerais, constitúe un singular e fermoso achegamento comiqueiro á vida e á obra de Lois Pereiro, o poeta homenaxeado na Letras Galegas 2011.

Iníciase cun breve encontro no que o autor homenaxea a película de David Lean, percorrendo cada unha das etapas da vida do poeta monfortino. Dende o seu nacemento na vila de de néboa e trens, pasando polos días de descubrimento da adolescencia, as primeiras loias en Madrid, o envelenamento e doenza posterior provocado pola colza, as viaxes europeas, as antoloxías coruñesas de amor e desamor, a edición do primeiro libro, os días da conversa ultramarina e da modesta proposición, ate a poesía última de amor e enfermidade. A novela inclúe ademáis a edición gráfica dalgúns dos textos máis emblemáticos do poeta, así como as visións do creador arredor da súa figura. Como sinalou Manuel Rivas, esta novela gráfica “non trata de condecorar a Lois nin de poñelo nun pedestal. Trata de facelo reexistir, de andar por aquí de novo”.

Jacobo Fernández Serrano (Vigo 1971) é licenciado en Belas Artes na especialidade de pintura pola Universidade Complutense. Ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, como autor de literatura infantil publicou na colección Merlín de Xerais os libros A gardería de dona Bixelmina (2005), A pedra e as formigas (2006) e Mil cousas poden pasar. Libro I (2009), premio Merlín de literatura infantil. Iniciouse na ilustración de libros de literatura infantil en Xerais con As aventuras de Nunavut de Xoán Abeleira, serie da que publicou catro libros: ao que seguriron outros traballos para diversas editoriais, ademais de traballos de ilustración de libros de texto, dicionarios, guías de natureza, carteis ou ilustracións para televisión, etc. É, tamén, autor da serie de banda deseñada Os amigos de Archimboldo Roque, publicada na revista Golfiño (2000 a 2004) e recollida no volume homónimo publicado por Faktoría K (2008). Tras realizar este personaxe converteuse en colaborador da publicación periódica Dos Veces Breve, así como da segunda época da revista BD Banda, na que desenvolve a serie titulada “Animais pantasma”. Co álbum de cómic Aventuras de Cacauequi (2007), obtivo o premio Castelao da Deputación da Coruña de Banda Deseñada, e a nominación ao Premio Expocómic 2008 de Madrid e do Salón do Cómic de Barcelona, no apartado de autor español revelación. Marcopola. La isla remera (2009) é o inicio dunha serie de cómic para os primeiros lectores. Lois Pereiro. Breve encontro (Xerais, 2011) é a súa primeira novela gráfica.

Comentarios pechados