Menu Xerais

Luminosa e emotiva: «As palabras do silencio», de Ánxela Gracián. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no seu blog Criticalia unha recensión crítica sobre As palabras do silencio, de Ánxela Gracián.

A tradutora e narradora Ánxela Gracián ten novo libro nos andeis das librerías de noso: As palabras do silencio, un volume acubillado na prestixiosa colección Merlín de Edicións Xerais que se acompaña das ilustracións do debuxante ourensán Dani Padrón.

As palabras do silencio é, en realidade, unha refactura de autora dunha historia tradicional chinesa que é popularmente coñecida como Qixi ou tamén como A Noite dos Sete e mesmo O Festival da Pega, relato lendario que serve a aquela cultura para explicar a súa Noite de San Valentín, que eles celebran o sétimo día do mes do calendario lunar, que coincide co noso 26 de agosto.

Non desvelarei aquí o argumento desta delicada e ben fermosa lenda. Direi, si, que Gracián tivo a habelencia de anosala culturalmente e mesmo de intertextualizala coa súa produción anterior, logrando unha narración de admirable plasticidade na que o xogo coas tinturas gráficas, as disposicións tipográficas e, sobre todo, o diálogo coas ilustracións de Padrón acaban por configurar un relato de extrema beleza e gran simbolismo.

Prosa donda, luminosa e emotiva, As palabras do silencio son feliz invitación para o diálogo cunha cultura outra que, na voz de Ánxela Gracián, nos ofrece o seu máis suxestivo perfil.

Armando Requeixo

Comentarios pechados