Menu Xerais

Magnífico agasallo: «Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936», de Xosé Ramón Pena. Artigo de Xosé María Dobarro

O Diario de Ferrol publicou un artigo de Xosé María Dobarro sobre o libro Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena.

 

 

Magnífico agasallo

De magnífico agasallo teño que cualificar o volume Historia da Literatura Galega III.  De 1916 a 1936 o que, hai un par de meses escaso, nos fixo Xosé Ramón Pena aos galegos e galegas interesados no coñecemento do feito literario da nosa nación. E antes de máis nada, pola relación de fonda amizade que me une ao autor, desde hai máis de corenta anos, entendo de xustiza darlle os máis sinceros parabéns publicamente.
Coñecín a Moncho Pena no comezo do curso 1975-1976, no que iniciei a miña docencia universitaria. Aínda vivía o ditador Franco, que tería a ben morrer poucas semanas despois. Estes meus primeiros alumnos e alumnas –recórdoos ben a todos e cun bo número deles e delas sigo tendo excelente relación– cursaban xa o terceiro ano da que era primeira promoción das licenciaturas en Filoloxía da Universidade Española. As anteriores promocións licenciaramos en Filosofía e Letras. Moncho Pena nesa altura cantaba e tocaba a guitarra no grupo dos irmáns Morán (César era tamén dese curso) –paréceme que xa se chamaba “Agra”– e facía versos. Lembro uns, autobiográficos, que titulara “A un día en que perdín as gafas”. Tempo andado viraría cara á narrativa e mesmo chegou a gañar o Premio Xerais de 1987 coa novela Para despois do adeus. Hai catro anos publicou a súa última obra do xénero: Como en Alxeria.
No ámbito do relacionado coa nosa historia literaria sempre estivo moi interesado pola época medieval e pola das vangardas, particularmente por Manuel Antonio. De feito xa en 1979, ao pouco de licenciar, publicou na compaña de Anjo G. Guerra Manuel Antonio: De catro a catro, Viladomar e outros poemas, nunha colección, “Clásicos do estudante galego”, que dirixía o Profesor Carvalho Calero. Sobre o período medieval, en 1986 deu á luz, en 2 volumes, Literatura Galega Medieval, obra que sería moi utilizada neses anos e que iría mellorando en edicións sucesivas.
O froito do seu traballo sobre as vangardas madurecería na tese de doutoramento Literaturas galegas de vangarda, dirixida polo Profesor Xosé Luís Couceiro, que defendeu na Universidade de Santiago, en 1994, perante un tribunal do que tiven a honra de formar parte. Parte deste traballo académico publicaríao, dous anos despois, na obra Manuel Antonio e a vangarda (1996). A obra que hoxe nos ocupa, Historia da Literatura Galega III / De 1916 a 1936, como os números romanos explicitan, é a terceira das entregas do que vai ser unha magna e fundamental Historia da Literatura Galega, un auténtico luxo para o país. Isto é o que presentín na demorada lectura dos volumes aparecidos en 2013 e 2014, percepción que agora, despois de ler o recentemente publicado, non podo menos que ratificar con total convicción. Como son devoto da xa clásica Historia da Literatura Galega Contemporánea de don Ricardo Carvalho Calero, obra infelizmente esgotada hai anos, infinidade de veces quedei sorprendido pola sabedoría do ilustre Profesor, máxime tendo en conta a precariedade dos tempos en que abordou a súa elaboración. Hoxe os tempos son ben outros e os medios infinitamente maiores. Xosé Ramón Pena ten ao seu dispor recursos impensables nos anos 50, 60 ou 70, así como un volume de bibliografía en absoluto comparable ao existente neses anos. Mais iso só non abonda para abordar un traballo da dimensión do que anda a realizar e a brindarnos o doutor Pena. Hai que ter a literatura galega na cabeza e esta moi ben organizada. Se a isto lle engadimos o ben organizado e escrito que está, temos que concluír que estamos diante dun traballo moi importante e moi necesario para sabermos máis de nós. Un bo regalo, sen dúbida, nestas datas tan consumistas.
Literaturas galegas de vangarda: tese de doutoramento / presentada por Xosé Ramón Pena Sánchez ; e dirixida por Xosé Luis Couceiro Përez 1994.

Xosé María Dobarro

Comentarios pechados