Menu Xerais

Manuel Iglesias Turnes: «Alguén ten que falar do rural nun país como Galicia, onde o noso sector ten moitísimo peso»

A revista Afriga publicou unha entrevista a Manuel Iglesias Turnes sobre a súa nova novela, Que non te aten.

 «Hai unha xente moi preparada á fronte das explotacións: é o que quero que vexa o mundo urbano»

Sae Que non te aten, a nova novela do rural galego de Manuel Iglesias Turnes, editada por Xerais. Falamos co autor das súas claves.

—A túa primeira obra, As rapazas de Xan, tivo moi boa acollida. Foi por iso que pensaches en escribir un segundo libro tamén protagonizado pola xente do rural?

—Eu escribo sobre o rural porque é o mundo que coñecín, onde me criei e onde desenvolvín a miña traxectoria profesional e quero poñelo en valor. Digamos que escribo para quen non ten quen lle escriba.

—Botabas de menos esta temática tan galega na literatura?

—A literatura galega de agora é moi urbana. Alguén ten que falar do rural nun país como Galicia, onde o noso sector ten moitísimo peso. Tiña que ter presenza en todo, de feito, porque o que nos queda de país está no rural.

—Que non te aten está ambientada nunha explotación leiteira actual na que conviven varias xeracións…

—Retrato unha aldea na que hai dúas explotacións moi moi modernas, unha con máis protagonismo, e tres xeracións dunha mesma familia. Fíxeno como en As rapazas de Xan, con moito cariño. Trato de poñer en valor o rural que temos hoxe, avanzado, de xente moi preparada.

—É unha historia real, autobiográfica quizais?

—Non. As rapazas de Xan si foi sacada moi de dentro, das entrañas, de todo o que vivín de neno. Esta está feita para fóra, para entreter. É moi actual, non só polas granxas senón polo comportamento dos personaxes, as redes sociais…. Reflicto o mundo de agora.

—Sentiranse identificados os mozos gandeiros que tomaron a decisión de quedar na granxa familiar ou que o están a valorar?

—Si que se poden sentir identificados, por exemplo no manexo do gando. Son rapaces que compiten nos concursos de Silleda e Xixón coas mellores vacas. Pero logo hai relacións de amor, conflitos… que son comúns a calquera estrato social. Ten que identificarse todo o mundo coa historia. Os conflitos persoais non van ligados ás profesións.

—A documentación para escribila proveu da túa propia experiencia?

—Eu tecnicamente non sabería crear un personaxe como o fan os profesionais da escrita pero levo toda a vida tratando coa xente, xente coa que me atopo da que coñezo dende os avós aos netos, así que teño moita xente interiorizada, inda que non retrato a ninguén en concreto. No mundo das vacas, o que ten vocación, tena. Eu empecei coas vacas de pequeno, dende sempre. Acábate enganchando e apaixonando. Quero que se vexa o profesional que é hoxe a xente do sector.

—Notas moitas diferenzas respecto do pasado?

—Houbo unha xeración, a miña, que empezou con 20 ou 30 anos naquela asociación, Afriga, que conseguiu que todo o mundo inseminase, que se soubese valorar unha vaca só con vela, que se relacionasen os gandeiros de distintos puntos de Galicia… Aquela etapa tivo o seu valor. Agora hai unha xeración, tamén de xente de 25 a 40 anos, cunha preparación técnica asombrosa, cunha dedicación extraordinaria, cun bo nivel de vida, que xa son empresarios, uns auténticos emprendedores. Hai unha xente moi preparada á fronte das explotacións: é o que quero que vexa o mundo urbano.

—Por que ese título, Que non te aten?

—Ten moito que ver co libro. Cando se lea saberase a que se refire! Non podo adiantar máis…

—Lese a revista Afriga na gandería Agro da Presa?

—Si, si! Sae a revista Afriga, é fundamental nunha escena moi simpática relacionada cun concurso. Cito a moita xente que fai país. Quero que quen lea a novela saiba que aquí hai un país que se chama Galicia.

Comentarios pechados