Menu Xerais

Manuel Iglesias Turnes: «Escribo para a xente que nunca leu en galego»

A web Culturagalega publicou unha entrevista de Manuel Gago a Manuel Iglesias Turnes sobre a novela Que non te aten.

 

Manuel Iglesias Turnes: «Escribo para a xente que nunca leu en galego»

O escritor presenta Que non te aten, unha historia da mocidade no rural actual

A novela Que non te aten (Xerais, 2016) de Manuel Iglesias Turnes está a dar moito que falar. Non son habituais as novelas ambientadas no rural contemporáneo, de granxas gandeiras, concurso de razas leiteiras e enormes casas construídas co diñeiro da emigración, e cun gran número de personaxes novas enganchadas ás novas tecnoloxías para manexar a súa vida.

 

Tralo éxito da súa anterior novela, As rapazas de Xan, que vai pola terceira edición, falamos co autor para coñecer máis sobre a escrita de Que non te aten.Manuel Gago: Manuel, es un escritor moi tardío, algo nada habitual. Publicaches o teu primeiro libro, As rapazas de Xan, en 2012 e hoxe tes 65 anos. Por que te decidiches a escribir? Manuel Iglesias: Eu empecei a escribir por unha situación persoal que non vía forma de xestionar. Unha enfermidade grave da miña muller, con catro operacións e catro anos de moitísima angustia. Un día estaba nun dos hospitais con ela, e déuseme por ir ao quiosco. Collín unha libreta e un bolígrafo e alí escribín vinte ou trinta páxinas de As rapazas de Xan. E a partir de aí.

Non escribías antes?
Para nada. Si é certo que na nosa asociación cultural de Negreira, a Afonso Eáns, moita xente acabou por publicar, como como Suso de Toro. Eu cando lía o libro dalgún amigo da asociación, dicíame a min mesmo que tiña que intentalo. Mira como é a cousa que xa levaba escrito a metade de As rapazas de Xan metinme en Google e puxen: “Como se escribe un libro”. Alí vin que había que presentar ás personaxes, e comprobei que o fixera con dúas e faltábanme outras dúas. Que eu dera escrito un libro con esa complexidade e esa cantidade de personaxes, é algo no que eu fun o primeiro sorprendido. Vivín iso durante moito tempo como se fora algo que non me pasara a min.

Porque ti profesionalmente a que te dedicas?
Pois a miña vida profesional está dividida en dúas partes moi marcadas, sempre dedicado ao rural. Eu traballei os mellores quince anos da miña vida para unha asociación de gandeiros. Despois, como son moi rabudo, chegou un momento no que houbo un presidente desa asocaición co que non me entendín, e pasei á miña segunda fase profesional, na que me dedico a vender material xenético ás explotacións , ás granxas. Iso queda moi bonito así pero na práctica véndolles seme. Así que cando estou nun ambiente fóra do rural, como nun banco, e me preguntan a que me dedico, eu digo que vendo seme. E danse uns segundos sen levantar os ollos, logo miran para min e me preguntan: “Seme de que?”. [risas]

Sabes que eres unha rara avis no mundo literario.
Sei, no literario si. Pero nós estamos na elite da xenética mundial, e estou orgulloso porque creo que co meu traballo colaborei a que Galicia mellorara moito xenéticamente o rebaño, sobre todo a vaca Holstein. En Galicia temos cinco das dez mellores explotacións de material xenético de Europa.

Unha das cousas que sorprenden desta novela é a súa ambientación no rural actual. Hoxe non é nada habitual iso. Que cres que pasou para que desaparecerá o rural da literatura galega?
Está estigmatizado. Eu sempre digo que a xente non fala galego porque teña unha posición económica mellor, máis arriba ou máis abaixo. A xente fala galego se é da aldea, e fala castelán se é da cidade. Está asociado con esa carga negativa, no que colaboran activamente os medios de comunicación. Na primeira presentación eu facía referencia ao famoso Manolo de Xaniña, o home que quedou atrapado nun pilón. Que un borracho caia de cú non é ningunha novidade, nin noticiable, pero dá o perfil. Como Manolo de Xaniña hai moitos na cidade. Estamos empeñandos en que todos os venres aplaudan a María del Monte. Hai moito interese en que se vexa o rural así, e non se quere ver outra cousa.

Ao ler o libro chamoume a atención de que alí aparecen moitas cousas do rural actual que non están escritas aínda que as coñecemos. Como as granxas, que nunca reparamos en todo o que teñen detrás.
É que estamos falando de instalación de nivel europeo. Aí hai un sistema de coidado do gando pioneiro no mundo e unha xente preparadísima. Regulación de temperatura, chorros de po de auga para que as moscas non paren nelas…

No libro a xente que traballa nesas granxas é profundamente competitiva.
En As rapazas de Xan, que está ambientada no 1955, a xente xuntábase e ía xunta a traballar, a cantar, facía magostos. Pero o capitalismo puro e duro tamén chegou ao rural. Habilitáronse mecanismos para facilitar que o grande absorba ao pequeño, arrendándolle terras, mercándolle a cota. O grande pensaba que ao ser grande ía ter o problema resolto. Antes, cando se xuntaban tres ou catro homes para vender unha vaca, as testemuñas escoitaban a palabra que se dera e ninguén podía escapar diso. Hoxe, sen embargo, podes ir a un gandeiro e dicirlle: oes, arréndame a cota ou véndema, pero de noite vai outro, ofrécelle uns céntimos máis e ese trato vense abaixo.

Lémbrame que na novela, tamén, séguese a manter a comida do patrón aínda que o resto da festa da parroquia xa non existe.
Os novos teñen que botar o día na corte, aínda que hoxe teñen empregados e pagan empresas de servizos para facer os traballos máis duros e mecánicos. Pero aínda así nas festas á noite non hai ninguén. As festas se non van as grandes orquestras xa non se molestan en ir. Moitos deles xa viven na cabeceira da comarca, por exemplo en Negreira, porque a súa muller xa traballa noutra cousa, e só van ao campo a traballar.

A imaxe que nos presentas do rural ten moito de industrial. Non só na mecánica, senón como diciamos, da propia mentalidade dos protagonistas.
Eu xa vin hai vintecinco anos que esta ía ser unha historia de ricos e pobres. Eu coñezo aldeas ondea o mellor hai unha granxa con setecentas cabezas e os outros por aí queimando o colesterol. Este capitalismo puro e duro que entrou no rural, no que se incentiva que vendan as vacas provoca esas novas actitudes. Na novela relato como os veciños se aproveitan da actividade da granxa de maneira pasiva. Hoxe, a xente ten que pedir un carro de esterco para prantar as patacas, e ás veces teñen que ir pedir traballo para muxir ao veciño ao que lle venderon as vacas hai vinte anos.

Chamoume a atención a elección de Marcos como protagonista. Un rapaz de 26 anos un pouco cabeza tola, e os seus amigos de idades similares, dunha xeneración moi distinta á túa.
Ao mellor ti te estrañou que eu escriba sobre a mocidade, pero é que eu estou moi conectado con eles polo traballo. Eles son os meus clientes nas explotacións gandeiras e paso todo o día mandando whatsapps. Si, pode ser estraño que eu con 65 anos poida estar ao corrente de todo o que fan, pero é que a única forma que teño de escribir é observar, e eu son moi observador. Quería contrastar ao protagonista, que é alguén ao que nunca lle faltou de nada, un pouco cantante, que non sinte a empatía que hai que sentir, co seu irmán e a súa compañeira, que son os auténticos directores da explotación.

Pero é un home que non consegue estar á altura das cousas que lle pasan.
A clave desa personaxe deuma Suso de Toro sen querer. Eu mandeille os dous primeiros capítulos a Suso e el díxome que estaba representando a un tipo moi gracioso. Así que fun creando un tipo pouco reflexivo que me custou mantelo así ata o final. Todos me din coma ti que desespera a un santo.

A túa novela amosa tamén a transformación do propio campo galego.
Non quixen que a xente do rural dera pena, porque non a dan. Eu en As rapazas de Xan retrato a unha xente de posguerra, moi pobre e moi vendida, e aquí escribo duha xente con certa opulencia. Os meus libros se se len con detemento teñen moita miga. Cando eu digo que están comendo e que a nena anda en bicicleta ao redor deles, o que estou querendo dicir é que teñen unha casa enorme. Ás veces a ficción supera a realidade, porque hai pouco entrei nun comedor particular no que cabían cen persoas. É un rural con contradicións en canto ao idioma. Tamén quero deixar claro que, quitando a ambientación rural, as personaxes son comúns e valerían para outros escenarios. Son historias moi de hoxe.

Cres que hai moitas historias do mundo rural por contar?
Que Galicia, que foi eminentemente rural, que tivo ata o outro día un 70% do rural, que non se escriba nada sobre el…mira, unha das satisfaccións máis grandes que tiven con As rapazas de Xan é que houbo moita xente de setenta ou oitenta anos que nunca leran un libro en galego e que leron As rapazas de Xan, sobre todo aquí na Barcala e Xallas, onde eu me movo. O libro andivo polas casas igual que os santos andaban antes coa esmola e lérona os avós e os netos. Falaban de que era o primeiro libro que leran en galego sen dificultade. Iso que a moitos lles parecerá un defecto ou falta de bagaxe cultural, á hora de achegar a escrita ao lector é unha avantaxe.

Cres que hai unha separación entre lectores e autores?
Hai pouco estiven nunha tertulia literaria e eu calei a boca, pero eu escoito, eu sei o que a xente me dixo do meu libro. Que todo o mundo puidera entendelo. Mesmo o xeito de contalo, así liñal, sen saltos no tempo…que se poida ler. Ese tipo de literatura teno que haber tamén.

Canto tempo te levou escribir a novela?
Eu como non teño presa e non vivo diso, teño que dicir que non me levou moito. Medio ano ou así. Pero, a ver, que eu traballo nove ou dez horas diarias.

Medio ano?
Si, claro, hai que tomarse as cousas con tempo. Ti vas madurando, vas vendo unha palabra que lle encaixa moi ben…Un día dixen que me estaba levando moito tempo este libro. Así que pensei: vou imaxinar que rompo unha perna e quedo na casa. Era un día que chovía e había moito frío. Quedeime unha semana na casa e remateino.

Que cres que vai pasar co rural en vinte anos?
De principio en vinte anos, quedarán moi pouca xente na maioría das parroquias, salvo en zonas moi gandeiras. Eu creo que para que o rural siga vivo ten que haber unha política totalmente ao revés, que incentive a permanencia no rural. Vai haber un proceso de concentración de granxas e nós, que estamos un pouco na esquina, levamos as de perder. Para que o rural galego siga vivo teñen que cambiar as políticas en Europa, volver a regulación da produción, o considerar que se España consume moito máis leite que do que produce e que non se pode tirar o leite aquí. E os cidadáns deberan tomar conciencia da importancia do rural.

Manuel Gago

 

Comentarios pechados