Menu Xerais

Manuel Portas volve á narrativa con «Faneca brava»

Sermos Galiza publica unha información sobre Faneca brava, a próxima novela de Manuel Portas, así como das próximas novidades de Xerais.

Manuel Portas volve á narrativa con “Faneca brava”

Despois de darse a coñecer como narrador con Denso recendo a salgado no 2010 e publicar ao seguinte ano Un dedo manchado de tinta, Manuel Portas volve a narrativa co seu terceiro libro Faneca brava. É unha das novidades que vén de anunciar Xerais.

Faneca brava de Manuel Portas é un dos títulos que Xerais anuncia dentro das publicacións que a editorial ten preparado para tirar do prelo. Canda a terceira entrega narrativa do escritor, profesor e sociolingüísta que se deu a coñecer como narrador hai tres anos, Xerais anuncia A vitoria do perdedor, novo título do xornalista Carlos Reigosa, Winnipeg, de Hixinio Puentes toma o título do famoso barco do exilio e As vidas de Nito de Xabier Paz.

As novidades editorias que vén de facer públicas o director da editorial, Manuel Bragado encontran tamén outros nomes de referencia na literatura galega. Suso de Toro volverá á serie crónica co libro Inmateriais, Anselmo López Carreira publicará unha Historia de Galiza e María Reimóndez e Olga Castro o seu ensaio Feminismos.

 A LIX, con grandes nomes

Ramón Caride, Manuel Lourenzo Agustín Fernández Paz, Xelís de Toro, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Santiago Jaureguizar compoñen boa parte do ronsel de autores consolidados que terán en breve nos andeis das librarías novos títulos para a mocidade e a infancia. Canda eles, a editorial anuncia unha obra “monumental” de Antón Cortizas, Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais.

As previsións da editorial non deixan á marxe as próximas conmemoracións literarias e así, Roberto Pascual é quen asina o libro Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, destinado ao Día das Letras Galegas e Anxo Angueira prepara a nova edición de Cantares Gallegos, co gallo do 150 aniversario da publicación da obra.

Manuel Bragado presenta os novos títulos a través do seu blogue Brétemas malia recoñecer unha redución de títulos a respecto dos anos anteriores.

Comentarios pechados