Menu Xerais

Manuel Rivas: «A maneira en que fala unha sociedade di como está, e o que vén». Entrevista en «La Voz de Galicia» sobre: «Zona a Defender»

 

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Ana Abelenda ao escritor Manuel Rivas sobre o libro: Zona a Defender, publicado por Xerais na colección Crónica – Xornalismo. (Imaxe: Marcos Míguez – La Voz de Galicia).


Manuel Rivas: “A verdade hai que imaxinala”

«A idea de facer película dun conto meu foi de García Márquez», revela o escritor, que sinala a «Zona a defender» dos virus dos tempos e fala sobre Trump, do país modelo en xestión do covid e a elección de Xela Arias para o Día das Letras

 

fraxilidade do humano, e a súa misteriosa resistencia, óllanos en fite, coas mans abertas, en Zona a defender, o «mayday» de Manuel Rivas (A Coruña, 1957), a súa chamada á «esperanza indócil» desde o humor. As preguntas andan soltas nos textos do novo libro do home que atopa na imaxinación unha forma de espeleoloxía da verdade. Rivas detecta o fume das palabras, sabe o que val a risa de Lorca e tamén por que ladra o can de Vicente Aleixandre. E aviva en nós o recordo da primeira cereixa do verán ou a leiteira «coruñesa» de Vermeer celebrando cunha edición ilustrada por Diego Estebo os 25 anos do libro de contos Que me queres, amor?

-Levamos tempo falando de Trump. O que se transmite é un rollo folk del, pero apóiano 70 millóns de persoas. O pensamento bruto ten consistencia, prendeu na sociedade. Podemos poñerlle o nome que sexa: fascismo de segunda man, autoritarismo… Darío Fo dicía: «Eu sempre me ría dunha inxustiza». Pero o que vía é que, aos dous anos, a cousa seguía repetíndose. E dicía: «O problema é que non me rin demasiado». Respecto a Trump, que é un Napoleón de choqueiro, eu lera unha frase que me fixo moita graza e faime pensar nel: «A todo Napoleón lle chega o waterpolo», vacilando con Waterloo.

-Subestimamos a ameaza?

-Eu nunca o tomei a broma. Hai unha parte importante da poboación que está no período do combustible fósil e que ve o avance dos dereitos como unha agresión, como unha ameaza para o seu status. Hai tempos proclives á adaptabilidade e outros nos que hai un retroceso. É como agora co creacionismo, o de impoñer a visión bíblica como única verdade.

-Si. Pero hai xente que se converte nun perigo porque quere impoñer o seu como sexa. Cada un ten a súa memoria persoal, profunda. Cando un perde o oficio de toda a vida, en vez de pensar «Funciona mal o sistema», o que fai é mirar a cola e di: «E estes que fan na cola! Esta cola era miña!». Habería que pensar que houbo tempos nos que ti eras o estraño na cola… O dilema é ter unha sociedade inclusiva ou exclusiva. A primeira ministra de Dinamarca, coa mellor xestión do covid agora mesmo, é unha persoa interesantísima. Cando Mette Frederiksen di «nós», todo o mundo se identifica con ela.

«O afectivo é o máis efectivo. Non é un falso espellismo. As sociedades que mellor funcionan son as de círculo virtuoso»

-Defende unha democracia afectiva. Que poder social e político ten o afectivo?

-Lanza unha pregunta directa: «Cando se fodeu o xornalismo?».

-A maneira en que fala unha sociedade di como está, e o que vén. Hoxe a máxima prioridade é o cultivo ecolóxico das verdades. A mentira detéctase polo fume que bota. Podes detectar se alguén está mentindo polo tipo de fume que bota pola cabeza… O que temos que facer no xornalismo non é preguntar se chove ou non chove, senón saír fóra e ver se te mollas. O xornalismo é como saber facer os propios zapatos para andar, iso dicía Tolstói do escritor. Hai que coller desvíos, porque semella que todos imos pola mesma autoestrada. Hai que saber despistarse…

-Que palabra estamos a usar hoxe peor?

-Hai que preocuparse cando unha sociedade usa moito palabras grandilocuentes: patria, bandeira, inimigo… Pero as palabras son moi diferentes segundo o ton. As palabras queren dicir, pero ás veces están tan intimidadas… Os mellores momentos das palabras son cando unhas non mandan máis que outras, cando non discriminan bocas, cando están a gusto. ­Que envolves ti nunha bandeira? Que é ser patriota? Eu non concibo alguén que se diga patriota e descoñeza que árbores ten no seu país, que lingua fala.

-Que achega a imaxinación?

-Ursula K. Le Guin dicía que o mellor xeito de facer un informe era utilizar a imaxinación. Escribe: «Me enseñaron siendo niño que la verdad nace de la imaginación». A verdade tamén hai que imaxinala, e para iso está a literatura.

-Hai un pouco máis dun ano propuxo a Lorca para o Día das Letras do 2021, pero saíu Xela Arias!

-Lorca sempre vai a estar aí… Tamén pode ser o homenaxeado no 2022. E eu fun un dos que subscribiron a proposta de Xela. Ela escribiu xa sendo unha adolescente Denuncia do equilibrio. Xenial, non? A poesía debe causar un desequilibrio fronte ás verdades establecidas, fronte ao mundo rematado. Xela traballa dende aí. Hai que situarse no excéntrico, pero non como pose, senón como un proceso natural. En Zona a defender, fixen un aforismo sobre o can de Vicente Aleixandre, Sirio, que disque lle ladraba aos malos poetas. Cando escribes un poema o que hai que preguntarse é iso, se o que ladra é Sirio? Xela Arias estaba no desacougo feliz, na tensión permanente do poema. Cada libro dela era un ir máis alá. Na poesía hai algo máis que non está noutra parte, un tremor, atravesas esa liña do que parece inalcanzábel. Cos poemas pasa como no mar, ás veces teñen ardora.

-Gústame a poesía que xogue co cotián, co doméstico, como os poemas de Carver ou Louise Gluck, ou Szymborska, pero as montañas non son chás. Ten que haber accidentes, e ten que haber unha elevación. Hai que describir a rentes do chan a veces, pero ten que haber misterio, para non reducirte á miseria do que describes.

-Vinte e cinco anos de «Que me queres, amor?». O tempo non pasou en balde. Aínda agocha sorpresas?

-Recordo que escribín eses contos con excitación, porque estaba pasando algo. A min sígueme emocionando aínda o conto do Saxo na néboa. E hai unha historia sen contar… Como arrincou a facerse a película A lingua das bolboretasEsa película fíxose por García Márquez. Mandáronlle a México o libro cando recibira o Premio Nacional de Literatura. El recibiuno en vésperas dunha viaxe a España e veuno lendo no avión. Cando chegou tiña un encontro con Azcona, entre outros, e díxolle que había un conto do que había que facer unha película. Pero o conto era Saxo na néboa, non A lingua das bolboretas. Hai xente que pode ratificalo. Azcona leu o libro, falou con Cuerda e díxolle: «O conto que di Márquez é unha marabilla», buscaron outros e deron con A lingua das bolboretas. Pero o primeiro arrinque estivo en Gabriel.

 

Comentarios pechados