Menu Xerais

Manuel Rivas alerta na presentación de «Todo é silencio» na Feira do Libro de Bogotá dos perigos da indiferencia

O xornal Galicia Hoxe inclúe unha crónica sobre a presentación por parte de Manuel Rivas de Todo é silencio na Feira do Libro de Bogotá. Reproducímola integramente.

“Non caer na indiferenza” é a receita que lle propón Manuel Rivas ás sociedades latinoamericanas que sofren as graves secuelas da globalización do narcotráfico, o asunto central da súa última novela, Todo é silencio, cuxa tradución ao castelán presentou na Feira Internacional do Libro de Bogotá. Rivas confesou ter “a sensación preocupante de que o que está pasando no mundo, no que derivou a globalización, é que o mercado honesto acaba sendo depredado polas zonas grises ou delituosas”. É o mesmo que ocorre “coa moeda falsa, que se pega á verdadeira para pasar desapercibida”.

“Estamos nese período de incerteza”, manifestou o escritor en alusión ó argumento da súa última novela, que retrata “o momento de tránsito do contrabando de tabaco ó narcotráfico” en Galicia. Eran os anos oitenta, “tempos en que se vía a Galicia como Sicilia”. “Non chegou a selo, pero tivemos momentos fronteirizos, límites, con institucións tocadas e moitas complicidades”, explicou.

A novela desenvólvese “nunha xeografía determinada, local, pero que ten sentido universal”, segundo o autor, quen explicou que “Galicia é unha metáfora porque o que alí ocorre está pasando en todas as partes do mundo”. Fins, Brinco e Leda son tres nenos que cada día acoden á praia para descubrir aquilo que arroxa o mar bravío: primeiro son laranxas e manequíns de barcos escorados, logo tabaco e whisky e máis tarde droga para terminar vomitando cadáveres. En poucos anos ese lado escuro modifica de forma radical a vida das persoas.

A sociedade sucumbe ao que Rivas denomina “capitalismo máxico”, un mundo no que se vai adquirindo un “poder non democrático” sobre a riqueza, pero tamén sobre as institucións e as persoas. “É o momento decisivo, pásase do modelo delituoso local á globalización delituosa”, apuntou, tras afirmar que na súa novela “todo é ficción pero todo é verdade”, ó citar as soadas palabras de John Ford.

Para o escritor, esa metamorfose explícase en que “o contrabando achegou organización, medios e experiencia para montar as redes internacionais do narcotráfico”, todo iso nun ambiente de “baleiro e indiferenza” por parte dos cidadáns.

PERSPECTIVAS
«O poder corrupto sempre acaba»

Rivas indicou que nos anos noventa foi cando Galicia “viu un espertar” cos grupos de nais que crearon asociacións contra as drogas e que denunciaron os feitos ante a xustiza. Por iso é polo que Rivas propón agora para as sociedades latinoamericanas afectadas hoxe por ese flaxelo “conciencia social e non caer na indiferenza”. O narcotráfico en Galicia tivo un punto de inflexión en 1990 coa Operación Nécora, liderada polo xuíz Baltasar Garzón. O autor recordou que “ese espertar social precedeu ó espertar institucional”, convencido de que “ao final ese narcótico, que é o poder corrupto, acaba”. “Se non vemos o que hai que mirar e non dicimos o que hai que dicir acábanos corrompendo a todos”, concluíu Rivas.

Comentarios pechados