Menu Xerais

Marcos Calveiro, autor de «Settecento», entrevistado por «A Nosa Terra»

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) presenta a un tempo dúas novas obras, ambas publicadas por Xerais. O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009) e Settecento, unha novela ‘moi musical’ situada na Veneza do barroco.

–Pasou da Compostela do século XVI de Festina lente á de dous séculos despois.

–Santiago é menos importante en Settecento que na miña anterior novela. Utiliceina como contraste á Veneza daqueles anos. Na cidade italiana había un caos no que agromaban naquel intre o teatro e a ópera moderna e había unha enorme explosión de todas as artes. Entrementres, na urbe galega seguían a mandar os curas e non se movía nada. Pero tampouco quixen afirmar que un ambiente é mellor ca outro; ben ao contrario, en Veneza había moitas máscaras, moita falsidade para non decatarse de que aquel tempo era o ocaso do xeito veneciano de existir no mundo.

–Veneza é unha cidade moi visitada pola literatura. Non pesa en exceso esa tradición cando un se achega a ela?

–O primeiro que debo recoñecer é que nunca pisei Veneza e nin tan sequera teño moita gana de visitala. Pero sucumbín ao seu feitizo. É un lugar fascinante e explícome facilmente que engaiolase personalidades como Richard Wagner ou Friedrich Nietzsche, tan marmóreo noutras cousas e que estando alí escribiu os únicos poemas que se lle coñecen. Alguén dixo que todos os escritores deberían deixar unha novela veneciana. Pois ben, esta é a miña.

–Na novela histórica, a documentación é o primeiro paso?

–Eu non encaro os meus relatos desde o xénero senón desde a chispa que me fai imaxinar unha historia e no capítulo final, que é o primeiro que redacto. En Settecento documenteime moito, lin infinidade de libros para entender os temas dos que quería falar, sobre todo de música barroca, pero non tomei notas. Preferín que todas as referencias estiven incluídas de ouvido, para manter fresco o texto.

–A estrutura da novela é a dunha sinfonía.

–Exacto. O esquelete é narrativo e tamén musical. Ademais, cada capítulo leva un ritmo de escrita, e de lectura, propio dun movemento sinfónico: allegro, adagio… E é que esta novela naceu por un motivo case musical. Quixen escribila logo de ler no suplemento cultural de La Vanguardia que os traballadores dos obradoiros dos luthiers venecianos pelexaban entre si por conseguir as mellores madeiras que chegaban a porto.

–Na literatura galega non se dá moito a novela histórica.

–Hai un preconcepto contra os xéneros. A min, persoalmente, interésanme as historias, pasen onde pasen e ocorran no momento que ocorran. O que pasa é que para un escritor galego, cunha literatura aínda moi atrasada na normalización, o pasado é unha gran fonte de inspiración. A pouco que rabuñes atopas persoeiros fascinantes dos que ninguén falou aínda. Asemade, moitos lectores non se ven reflectidos cando se fala do pasado. É un erro. En Settecento están as paixóns humanas coa mesma crueza que hoxe en día: o amor, a traizón… E non só iso. Comportamentos coma o da pirataría musical, que pensamos moi contemporáneo, xa existía no século XVIII. Imprimíanse partituras sen permiso e había artistas especializados en pastiches de obras alleas polas que cobraban sen pagar un peso en dereitos. Xa daquela había tensión entre arte e industria e o propio Antonio Vivaldi era empresario de si mesmo.

–O seu estilo é barroco e o vocabulario estenso. Nada de facer unha novela con 500 palabras.

–O importante non é o estilo, é o coidado do texto. En efecto, tento ampliar o léxico e procuro unha prosa adxectivada pero considero igual de interesante a lingua coloquial de Cid Cabido. Os escritores actuais en galego púen moito os textos. Eu aprendo un feixe de palabras en cada lectura dos contemporáneos.

(Entrevista completa de César Lorenzo na edición impresa do semanario A Nosa Terra de 2 de maio de 2010)

Comentarios pechados