Menu Xerais

María Reimóndez participará no lanzamento da traducion ao támil de “O deus das pequenas cousas” de Arundhati Roy

María Reimóndez está actualmente no estado indio de Támil Nadu e participará o vindeiro 28 de xullo no lanzamento da tradución ao támil de O deus das pequenas cousas (The God of Small Things, HarperCollins, 1997) de Arundhati Roy. Ao evento, que terá lugar en Chennai, capital de Támil Nadu, asistirán, entre outras persoas, a autora da obra, o editor Kannan Sundaram e María Reimóndez.
O deus das pequenas cousas –Premio Booker en 1997– é unha novela escrita orixinariamente en inglés pola escritora india Arundhati Roy (Meghalaya, 1961) e conta as experiencias da infancia de dous irmáns xemelgos no estado indio de Kerala durante o ano 1969. A obra publicarase en lingua támil na editorial Kalachuvadu , que é tamén a editora da obra de Salma, autora de Despois da medianoite, novela traducida por María Reimóndez ao galego e publicada por Xerais en 2011.
María Reimóndez ten por diante un importante número de proxectos neste 2012 e principios de 2013. No eido editorial, Xerais acaba de publicar a súa última novela, En vías de extinción, que será traducida ao castelán por KNS Editorial. Tamén verá a luz en Xerais o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos. Edicións Positivas publicará Moda Galega Reoladed, poemario que revisa Moda Galega (2002) dez anos despois da súa edición, e Edizioni dell’Urogallo traducirá ao italiano a novela Pirata.
Por outra banda, ente o 10 e o 11 de setembro terá lugar na Universidade de Bangor o congreso internacional ‘Tradución e culturas sen estado: perspectivas desde Gales’, e María Reimóndez será unha das conferenciantes convidadas. A súa conferencia leva o título de: ‘Challenging Peripheries, Minorities and Centres in Translation Theory and Practice’ [Unha ollada crítica ás periferias, minorías e centros na práctica e teoría da tradución’. Ademais, o 14 de setembro Reimóndez participará no X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se celebra en Cardiff (Gales). A súa conferencia titúlase ‘Silencios que non son: o continuum lesbiano nas narradoras galegas’.

Comentarios pechados