Menu Xerais

«María Victoria Moreno amaba fondamente a poesía e esta formou parte da súa esencia como persoa e como escritora.» Anotación de Antonio García Teijeiro en «Versos e Aloumiños»

O escritor Antonio García Teijeiro publicou no blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre a faceta poética de María Victoria Moreno, autora homenaxeada no Días das Letras Galegas 2018, centrada na obra Mar adiante.

 

Poesía de Mª Victoria Moreno no ‘Arroás’, o barco de “Mar adiante”

A  publicación de Mar adiante (Ediciós do Castro, 1973), de María Victoria Moreno,  foi un fito importante na literatura galega para nenos e nenas. Un dos libros pioneiros en Galicia xunto a orixinais de Bernardino Graña, Carlos Casares, Neira Vilas , Manuel María ou Xohana Torres.

Nuns momentos nos que nas escolas non había libros na nosa lingua e calquera iniciativa neste sentido estaba chea de atrancos, estes escritores/as abriron camiños que tentaban eliminar tanta eiva no ensino, se de literatura galega falamos.

María Victoria, que tanto quería os nenos e nenas, escribiu un libro poético, ateigado de soños, unha escola no mar (O Arroás, que así se chamaba o barco). Nel, Xosé Luís, o capitán, explicaba á rapazada o valor das cousas cativas e insistíalles que esas cousas cativas son propiedade das persoas, e que as persoas, aínda que teñan moitos cartos, moitos leiros ou moitos barcos, non deixan de ser pobres no seu corazón.

E,como din Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre no libro María Victoria Moreno, a muller que durmía pouco e soñaba moito, (Ed. Xerais), lendo esta historia decatarédesvos de que a au

tora foi quen de se meter na pel da mestra que pon na escola no mar; de Miguel, o vello mariñeiro de Portosouril que non sabe facer barcos de guerra pero si barcos escola; de Lola a cociñeira e inventora de palabras; do capitán Xosé Luís que “tocaba a guitarra coma os anxos”, dos nenos, das estrelas, das gaivotas, dos ventos… Vese que está de parte deses  mestres e mestras que seducen, de aulas onde cada día é especial, e non a favor dos que ameazan con atar os libros ao pescozo dos nenos e nenas e guindalos ao mar por, un supoñer, non saberen a táboa do sete.

Toda unha declaración de intencións sobre a concepción que María Victoria Moreno tiña do ensino.

Pero, como non podería ser doutro xeito, Mar adiante está cheo de poesía. Tal como foi pensado, todo el é poesía. Ademais, ao longo das súas páxinas, imos atopar algúns poemas de distinta extensión que me permito tirar do libro para que poidan ser saboreados por todos aqueles e aquelas que aman a poesía.

O libro comeza con este poema:

Eu escribín este libro
para ti, que o tes na man,
e vas ser por un tempiño
marineiro do Arroás.

Cóntoche o pouco que sei
do campo, do ceo e do mar
para que non lle deas creto
a quen che queira falar
de lobos que comen nenos
na sombra do carballal.

Págome moito pensando
que te podo eu axudar
a descubrir os segredos
que conta o vento ao zoar.

Mais, para facer xustiza,
cumpríame confesar
Ilustración de Fino Lorenzo
que unha meniña xeitosa,
voz de prata, doce ollar,
medosiña polas noites
e risoña nas mañás,
foi quen me dixo que ti
tamén querías escoitar
os contos que eu lle contaba
cada tardiña no lar.

Chámase María Begoña
e queríalle eu dedicar,
co teu permiso, amiguiño,
as historias do Arroás.

Unha dedicatoria en verso para a súa filla Begoña.

E os mariñeiros  de Portosouril contan que todos os navegantes de Galicia, ao veren a luzada desta vila, cantaban:

Ollando Portosouril
o vento da miña terra
coido que chama por min.

Máis adiante, Lola espertou cediño, viu o sol, fixo o chocolate e foi ao camarote dos nenos cantando:

Raparigos do Arroás,
fóronse as nubes do ceo
e érguese o sol dende o mar…
Non sexades preguiceiros
¡Vinde todos almorzar!

Xosé Luís , o capitán, tocaba a guitarra na proa e os mariñeiros, cantaban:

Veciños de Carballeira,
chorade polos paxaros
que voaron mar adiante
tristeiros e alporizados.

Cando o vento vén do monte,
do monte da Carballeira,
párcenos sempre que chora
cunha queixa moi tristeira.

As árbores da Carballeira,
os carballos silandeiros,
aínda soñan cos paxaros
que antes nela estiveron.

No Arroás contábanse historias. Unha delas, a de Clarisca, que era moi amiga do vento. E había poemas na historia.

Vou procurando mociña
Debuxo de María Victoria Moreno
entre as herbas dos camiños.

Son mozo e rico, Clarisca,
¿vasme querer por marido?

Ai, vaite, vaite, mociño,
porque eu teño o corazón
moi lonxe destes camiños.

Araceli, unha meniña soñaba e mentres soñaba, choraba. Lola acochouna coas sabas e cantoulle unha nana que inventaran os rapaces:

Ruliña sen niño,
paxariño pobre,
pechas os olliños,
non choras e dormes.

Como se pode observar, hai moita poesía en Mar adiante, tanto na idea das historias coma en perlas coma estas.

María Victoria Moreno amaba fondamente a poesía e esta formou parte da súa esencia coma persoa e coma escritora.

Comentarios pechados