Menu Xerais

Miguel Ángel López: «Os rapaces necesitan sorprenderse, abraiarse, para quedar atrapados cun libro para sempre». Entrevista en «La Opinión» sobre: «Rapunzel con piollos»




O xornal La Opinión publicou unha entrevista de Selina Otero a Miguel Ángel López (El Hematocrítico) sobre o libro: Rapunzel con piollos, publicado por Xerais na colección Pequeno Merlín. (Imaxe: Daniel Puente – La Opinión).


Miguel Ángel López: “Escollín o mundo dos contos clásicos como escenario para enredar nesta colección”

“Os nenos necesitan sorprenderse, abraiarse, para quedar atrapados cun libro para sempre”, apunta Miguel Ángel López, máis coñecido como @Hematocrítico, o seu perfil de Twitter con milleiros de seguidores. Este ‘influencer’, mestre de Primaria e escritor acaba de publicar “Rapunzel con piollos” (Xerais)


Un escritor-mestre con miles de seguidores en Twitter… Como leva o de combinar escritura, maxisterio e o papel de ‘influencer’ nas redes?

Gústame misturar aspectos de todas estas facetas. Supoño que hai un vínculo nas miñas ganas de explorar e de xogar cos medios dos que dispoño. Contar anécdotas dos nenos nas redes, falar aos rapaces das miñas experiencias como autor. Disfruto moito enredando nas interseccións, espremendo as posibilidades das que gozo. O vínculo entre todas estas facetas é que todas están relacionadas coas miñas ganas de comunicarme, de expresarme. De contar historias, de ensinar…

Supoño que relacionado cun talento para comunicar, sentido do humor…

Si, eu penso que teño un sentido do humor moi grande que contamina o meu punto de vista do mundo enteiro.

Vostede di que nos colexios faltan risas e sentido do humor.

Si. Os rapaces agradecen que un profesor os faga rir cun agarimo e devoción sen límites. Facerlle rir aos teus alumnos é unha fonte de satisfaccións sen fin.

No seu último libro fala dunha nena que loita unha particular batalla, a dos piollos: Rapunzel. ¿Moita pegada de conto clásico? (O lobo con botas, Axente Riciños…)

Claro. Eu escollín o mundo dos contos clásicos como escenario para enredar nesta coleción que empezou con Feliz Feroz. Os rapaces coñecen estas personaxes de enriba a abaixo e iso é moi útil para alguén que lles quere facer rir. Se Carapuchiña ou o Lobo Ferzo se comportan dun xeito diferente e sorprendente as risas están garantidas. Tamén son historias repletas de estereotipos e convencións coas que se poden facer moitos experimentos.

Que cre que engancha aos nenos nun libro LIX (Literatura infantil e xuvenil)?

No caso dos meus penso que o sentido do humor e en xeral o sentido da marabilla. Os rapaces necesitan sorprenderse, abraiarse, para quedar atrapados cun libro para sempre.

Ademais de ser un gran observador de televisión, tendo en conta o seu rol no perfil @hematocrítico, tamén foi un gran lector de pequeno?

Si, anque recoñezo que de pequeno tiraba máis para os tebeos (cómic). Fun un lector voraz de Bruguera, Astérix ou Mafalda e pasei desas lecturas a Agatha Christie ou Stephen King sen pasar pola literatura infantil tradicional que descubrín de adulto para deleite meu.

Como mestre entendo que lle gusta a relación cos pequenos e pequenas. Que cre que necesita un alumno/a, fillo/a nesas primeiras etapas?

Necesita que o escoiten. Que o coñezan. Sentirse unha persoa querida e recoñecida, aceptada, aínda que esixida.

Como ten que ser a escola?

A escola debe ser un sitio onde os rapaces poden estar a gusto. Onde poden ser eles mesmos e desenvolver as súas cualidades, recibir axuda e agarimo e sentir que participan nun proxecto colectivo que lle aporta beneficios e satisfaccións. Debe ser un lugar onde divertirse e medrar en equipo cos seus iguais.

Unha anécdota, entre miles supoño…

O colexio é unha máquina inesgotable de anécdotas divertidísimas. O outro día un rapaz de 5 anos comentaba que non podía axudar a un de 3 que lle pedía axuda porque “non falaba o idioma bebé”.

Comentarios pechados