Menu Xerais

Moi recomendable para a escola: «O valo», de Carlos Labraña. Crítica en Brabádegos

O blog de literatura infantil Brabádegos publicou unha recensión crítica sobre o libro O valo, de Carlos Labraña, ilustrado por Nuria Díaz.

 

Derrubando valos, mirando as estrelas

Comezamos o curso cheos de enerxías renovadas despois dun merecido descanso, con ganas de ler mil follas coa chegada do outono, de inzar de castañas os soutos todos. E para comezar un novo andazo de palabras escollemos unha obra de Xerais, O valo, obra gañadora do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil 2016, de Carlos Labraña e ilustrado por Nuria Díaz. Forma parte dos textos teatrais máis representativos da Biblioteca Dramática Galega e coedítase coa Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O valo é unha obra de teatro ideal para fomentar o gusto polo teatro e pensada para representar, ideal para fomentar a dicción na aula, a autonomía persoal e a oralidade. Desde o punta de vista do contido está protagonizada por dous personaxes únicos Soldadiño e Sahara e é unha homenaxe a todas as nenas e nenos vítimas dos desprazamentos causados polas guerras, guerras como a de Siria e as inxustizas daqueles lugares onde os nenos e as nenas medran sendo soldados. Non desvelaremos máis do argumento pero é especialmente útil desde o punto de vista temático para explicar as guerras, as súas causas, para sensibilizármonos contra os conflitos, para abrir as nosas mentes. Tamén é especialmente útil para traballármonos temas secundarios non menos importantes como a literatura de transmisión oral, a diversidade, a tolerancia, as linguas do mundo, as estrelas e as constelacións, a necesidade de practicar a empatía e a realidade social e de crise que nos toca vivir acotío.

As ilustracións de Nuria Díaz contribúen especialmente a completar a fermosura desta obra, o seu traballo é area no deserto e constelación na noite. A dozura das palabras da cativa e a delicadeza están perfectamente conseguidas a través dos tecidos, dos vermellos, do gris e dos ocres.

É sen dúbida unha obra recomendada para a escola, representable sen gasto, para fomentar e traballar o discurso e para saltar valados que nos dividen absurdamente.

Recomendación do souto

Comentarios pechados