Menu Xerais

Narrativa breve que non deixa indiferente: «Somnámbulos», de Suso de Toro. Crítica de Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre Somnámbulos, de Suso de Toro.

 

 

“Somnábulos”, literatura da memoria

Suso de Toro, un dos escritores máis relevantes e tamén máis fecundos da literatura galega desde os anos oitenta, tras catro anos dedicados de xeito exclusivo a súa profesión, volve a ganduxar fías narrativas porque nin entón nin arestora un creador da súa categoría xa expulsou fóra todo o que tiña no seu maxín. E faino con esta colectánea que, baixo o rubro de Somnábulos, acolle tres historias que teñen en común unha ollada recuperadora do pasado. Tratan pois do que acostuma tematizar a literatura, da memoria, como recoñece o mesmo escritor. Memoria dunha época aínda recente, a dos últimos anos do réxime franquista, nomeadamente no primeiro dos relatos, e das primeiras décadas do actual sistema. Cousas de aínda hai dous días, como di o paciente do primeiro relato, cando “os nenos xa nacían franquistas e agora nacen demócratas” (páxina 33).
No primeiro dos relatos, “Negocios de familia”, baseándose sobre todo en diálogos, Suso de Toro achéganos a historia dun médico, catedrático de universidade, que recibe a visita dun paciente. Todo acontece o mesmo día no que morre o pai do terapeuta, o que supón un regreso a un pasado compartido por ambos os dous personaxes. Un pasado escuro, turbio, moi negro e ambiguo porque o que o paciente fai aflorar a través da conversa forzada é o fusilamento dun home nos últimos anos do franquismo. El formara parte do pelotón dese fusilamento. Un pobre garda civil, un esbirro que estaba para manter o réxime e servir aos ricos. A través dun diálogo reiterativo como un pesadelo, saen á luz os últimos anos de ferro e chumbo do tardofranquismo, con fusilamentos dos pobres, dos revolucionarios que non tiñan padriños, co emprego da tortura na democracia, e sobre todo, o pasado do médico psiquiatra, obrigado a cargar así mesmo co remorso dese fusilamento. A morte daquel rapaz tamén está na súa vida porque era o seu camarada. Xogaban á revolución, captou o pobre rapaz para a mesma organización terrorista, mais o fusilado foi o fillo do pobre. A el salvouno o seu pai franquista, valéndose de amizades tan franquistas coma el. E xa na Transición cambiou de chaqueta como “Deus manda”: esquécese da revolución e intégrase con moto éxito no sistema, aínda que os demais o visen coma un apestado. Un bo relato, cunha estrutura non afastada do teatro, sobre o peso da culpa, sobre aqueles días do noso pasado que aínda seguen envelenando e quitando o soño.
Suso de Toro“Auga derramada”, a segunda peza, é tamén un relato verbo da memoria, mais neste caso o que tematizan as prosas de Suso de Toro é a súa perda, por cousa da demencia senil. O protagonista, noutrora médico famoso, perdeu a memoria e agora é un vello ao que ninguén lle fai caso, fala cos turistas sen recibir respostas e conversa coa auga. Un relato que é asemade unha denuncia social sobre o abandono no que as actuais sociedades deixan tirados ás persoas maiores, afundidos así na soidade e na decrepitude.

Pecha a colectánea o relato “Insomne”. Outro monólogo capaz de producir verdadeiros pesadelos. Un ditador que confesa nacer humano, deixou de selo e por iso non quere durmir, rebélase contra o sono, mátao cada noite. Interpela a un escolta que apenas lle responde. Quere ser o rei da creación, sodomizar a política e a Historia. Son as razóns polas que loita para vencer o soño, e así seguir mandando e mesmo tutelar o sono de todos. Retrato grotesco dun monstro que tiña figura e que se nega a morrer para seguir sendo o dono dos nosos soños e dos nosos días. Sexa ou non o retrato paródico dun personaxe histórico que perpetuou o seu poder en Galicia, este é un pequeno relato, merecente porén de figurar na máis selecta antoloxía da grande literatura de ditadores.
Narrativa breve que non deixa indiferente ao lector, capaz de xerar grandes doses de desacougo, erguida cunha arquitectura moi sinxela: Suso de Toro non describe situacións, ni sequera tira conclusións ou reflexións. Fano por el os seus personaxes. Os seus diálogos ou monólogos danlle forma ás ideas e teimas que o escritor nos quere facer chegar. Xa que logo, un breve mais acertado produto literario no retorno de Suso de Toro á narrativa.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados