Menu Xerais

«Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz, por Dolores Vilavedra

O suplemento Luces de El País publica un artigo de Dolores Vilavedra en que, baixo o título de «O mundo dende outras perspectivas», realiza unha panorámica crítica sobre os últimos títulos publicados. Reproducimos o referido a Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz.

E, por fin, podemos desfrutar de Agustín Fernández Paz nas coleccións de literatura supostamente para públicos adultos ou formados. A decisión de Xerais de incluír Non hai noite tan longa, a nova novela do vilalbés, na emblemática colección Narrativa pon en cuestión de facto a artificiosidade de moitas fronteiras literarias e chama a subvertelas. Tomándolle prestado o título a Shakespeare e ao seu Macbeth, o escritor propón, a partir da inxusta atribución dun delito no clima de enfrontamento social da posguerra, unha acaidísima reflexión sobre a memoria nas sociedades contemporáneas, sobre a necesidade de coñecermos o noso pasado e sobre o poder terapéutico da xustiza. Con Mladic por fin no cárcere e con Bin Laden non se sabe moi ben onde, Non hai noite tan longa apela a nosa conciencia ética e pode ser unha estupenda lectura familiar no verán, desas que alimentan o debate.

Comentarios pechados