Menu Xerais

Novela de personaxes, de lectura viva e áxil: «A galera de Xelmírez», de Xabier Paz. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión crítica sobre a novela A galera de Xelmírez, de de Xabier Paz.

 

A TRANSFORMACIÓN DO CAMIÑO

O autor de Follas de bacallau, Renacer e As vidas de Nito regresa aos trinques das librarías con esta A galera de Xelmírez que hoxe nos ocupa. Nela, Xelmírez encarga a construción dunha galera a Fuxón Bonincontro, piloto e mestre carpinteiro de ribeira; Stefano Bagnoli, axudante; e Francesco, aprendiz e neto de Enrico, o mestre de Fuxón. O obxectivo é dispoñer dunha galera que faga posíbel a defensa fronte ás posíbeis incursións ameazantes dos ismaelitas, toda vez que as naos existentes son axeitadas para o comercio e a pesca mais non para o combate no mar. Para iso deberá desprazarse desde Pisa a Santiago de Compostela, desde a ribeira do Arno á ribeira do Sar, a Iria. O cal supón unha viaxe que os transformará, como é típico e tópico. Francesco, personaxe secundaria, casará con Alodia e ficará a vivir na Galiza, é o que menos sufritá esa transformación. Porén Stefano e Fuxón, de maneira diferente cada un mais interdependentes, sufrirán mutacións que afectarán moito o seu vivir, a súa concepción da vida. Sobre todo Fuxón, pois é a raíz da súa trasformación que Stefano actúa a súa.
Malia o título facer referencia a un traballo colectivo, a novela é unha novela de personaxes, de individualidades. De dúas personaxes fudamentalmente: Stefano e Fuxón. A mesma estrutura da novela o confirma, pois consta de dúas partes, unha primeira contada por Stefano, que dá conta de como fan o camiño e como Stefano se vai facendo coa personalidade e funcións de Fuxón para poderen rematar o contrato con Xelmírez, e unha segunda contada por Fuxón onde asistimos á fonda trasformcaión que se operará nel despois de que unha noite unha criada lle faga vivir experiencias sexuais que el nunca antes experimentara. Desde entón, Fuxón vólvese unha persoa diferente, calado, reservado, sente vergonza mais non arrepentimento cando se decata de que os pecados contra natura son fonte de coñecemento e axudan a rachar os veos da ignorancia. Ese novo Fuxón aínda asisitirá como partícipe a un aquelarre, experiencia despois da cal xa non queda nada do vello Fuxón senón un ser comido polas apetencias de novas experiencias sexuais e sensoriais que lle redimensionen o mundo. Por outra banda,o Stefano que regresa a Pisa, logo da suplantación, tampouco ten moi claro quen é, só que que xa non é aquel que foi.
Se sempre se di que o camiño de Santiago transforma a quen o fai, pois eis unha novela onde a transformación resultante é ben diferente do que comunmente se agarda, por non dicir absolutamente oposta no caso de Fuxón e desconcertante no de Stefano. Neste caso o camiño opera un coñecemento que ten tanto de exploración de novas sensacións coma de autodestrución.
O mesmo autor (153) sinala a influencia de A romaría de Xelmírez e Xelmírez, xenio do románico ambas e dúas de Ramón Otero Pedrayo; La guerra del tiempo, de Alejo Carpentier; o Liber Sancti Jacobi; El camino de Santiago:encrucijada de saberes, editado por Itzíar López Guil e Luís Manuel Calvo Salgado; Santiago de Compostela en la Edad Media, de Ramón Yzquierdo Perrín; A vida dos peregrinos polo camiño de Santiago, de P. Barret e J.N. Gurgand; así como a Historia Compostelana.
Novela de lectura viva e áxil, que reconstrúe moi ben a vida dos romeiros en particular e a das xentes do medioevo en particular. O cal debe ser valorado na súa xusta medida, pois sendo discurso que tende á síntese, as descricións son moi atinadas malia o pouco tempo e espazo dispoñíbeis. As feiras, o trasfego das neonatas e puxantes vilas medievais, sobre todo as mariñeiras…
Contada en dous tempos ( Stefano relata a viaxe e Fuxón conta as horas inmediatas á súa morte), ben pode sr considerada unha novela do camiño de Santiago. Non é o seu obxectivo selo. Mais a viaxe dos italianos coincide en boa parte e hai que ter en conta que a nosa literatura conta con moi poucos títulos de ficción sobre o camiño de Santiago. De excepturamos As frechas de ouro ( Jonh Rtutherford) e A cripta do Apóstolo ( Pere Tobaruela) o baleiro é inmenso malia a importancia que para Galiza ten o camiño de Santiago, para Galiza e para Europa. Por certo que esa europeización de Galiza tamén se percibe aquí coa contratación dos tres italianos: a cultura mediterránea e a atlántica a se comunicaren entre si.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados