Menu Xerais

Novela negra para pulverizar conciencias: «A ira dos mansos», de Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela 2016

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela A ira dos mansos, de Manuel Esteban, Premio Xerais de Novela 2016.

A ira dos mansos

Manuel Esteban é o autor d’ A ira dos mansos, Premio Xerais de novela 2016 quen vén de publicar a editorial Xerais. Aínda que é unha novela case negra, de lectura doada e sen grandes pretensións neste eido -creo que a verdadeira intención do libro é ética e social-, coido que paga a pena achegarse a ela por outros motivos ben diferentes, que radican na particular e necesaria visión que o libro nos ofrece dun colectivo que á maioría de nós semella non importarnos e do que apenas podemos falar por puro descoñecemento. Ben é certo o que se nos indica en moitas das páxinas da novela, que cando pasamos a carón dunha persoa con síndrome de Down limitámonos a sentir pena por ela sen profundar nas capacidades que esa persoa ten para se desenvolver na vida. Por iso é un libro que nos colle polos colares para nos sacudir, para deixar ceibe un berro que debería achegarse a toda a sociedade para converternos en máis humanos, como ocorre co inspector protagonista. Daquela comprobamos o valor da literatura, unha literatura utilizada cal ferramenta, unha trade para pulverizar conciencias, un parafuso para pechar buracos demasiado agrandados.
É asemade, creo, unha homenaxe a aqueles traballadores e traballadoras que fan máis do imaxinable por axudar ás persoas, persoas que empatizan e entenden e que ven máis alá do que está a simple vista. Alguén que mesmo ten capacidade para mudar prexuízos, eses tan extendidos na nosa sociedade por unha simple pechazón de conciencias.

Comentarios pechados