Menu Xerais

Novidade: «Un rato díxolle á lúa», antoloxía da poesía de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso

Un rato díxolle á lúa é unha antoloxía da poesía de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas. Vai acompañada dun CD de Paco Ibáñez.

Un rato díxolle á lúa é a caixa dos tesouros da poesía de Antonio García Teijeiro. Dentro dela gárdase a esencia dos seus versos, a apócema máxica coa que, en palabras de Fran Alonso, «a lúa imprimiu neles un sabor antigo, un sabor de berce, un sabor sincero que se nos mete dentro». García Teijeiro atesoura no seu haber 25 anos escribindo poesía infantil. Desde a publicación de Nenos (1988), os seus versos enredan nos beizos dos lectores e lectoras, «divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir, e pensar, turrando de nós cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras». Un rato díxolle á lúa espreme, antologados por Fran Alonso, eses 25 anos de poesía infantil. «Simpáticos, fermosos, divertidos, sensibles, punzantes, libres, salgados, máxicos, outonizos, perennes», estes poemas transmiten emoción, beleza e solidariedade. Ilustrada por Xosé Cobas e musicada por Paco Ibáñez (nun CD que se acompaña), a poesía de Antonio García Teijeiro agroma cunha enorme forza natural, chea de vida, de luz e de musicalidade.

 

Comentarios pechados