Menu Xerais

O engado da variedade: «55», de Xavier Queipo. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre o libro de relatos 55 de Xavier Queipo.

 

Engaiolante variedade

Xavier Queipo reúne neste volume 55 textos (de aí o título do libro) que se caracterizan pola súa variedade, pois hai relatos breves, lembranzas persoais ou tamén textos de divulgación científica. O engado da obra reside precisamente nesta variedade, así como en que moitos destes textos, tocan o mundo do mar ou ata transcorren en ambientes exóticos, o que non é frecuente na literatura galega.

Un mangado destes cincoenta e cinco textos son relatos de viaxeiros ou exploradores por lugares exóticos, como Macau, onde a historia ou mesmo a memoria dos exploradores e naturalistas se mestura coa narración e mais a fantasía. Son relatos que nos lembran A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre, mais que resultan novidosos na literatura galega. Outro tanto acontece co tema mariño, moi presente así mesmo nestes textos. É unha coincidencia que o tema do mar apareza estes días en dúas obras que están a ter unha grande aceptación de crítica e máis de público, esta que agora comentamos e mais Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.

Resultan tamén moi atractivos neste volume os textos do que se podería chamar divulgación científica, en que a narración se une coa descrición científica, especialmente de insectos e pequenos animais. Estes textos son moi apropiados para que sexan comentados en Secundaria e mais en Bacharelato como exemplo de prosa de divulgación científica en galego, pois no eido do ensino abusamos de máis dos textos da chamada linguaxe humanística. Estes textos de divulgación científica de Queipo, nunha liña moi darwiniana, son para min como alfaias, dunha gran sinxeleza, máis dun engado innegable para o lector.

En fin, outros destes textos son lembranzas autobiográficas, exercicios de estilo, descricións de lugares de Galicia e de fóra dela e mesmo hai algún artigo ensaístico, como un que moito nos gustou, “Instrucións para non ter unha leira na cabeza”, onde o autor ofrece un moi bo decálogo contra o minifundismo mental (páx. 243): viaxar, fuxir de dogmas e do populismo, celebrar as dúbidas, non confundir deporte con nacionalismo, fuxir do patrimonialismo cultural, eliminar as frases grandilocuentes do tipo temos o mellor marisco do mundo / Galicia é un paraíso natural, convivir cos que opinan diferente, ser claros na exposición de ideas e sentimentos, emigrar se fose necesario por motivos económicos ou de realización persoal e nunca por condena histórica/herdanza xenética e esquecer a violencia. Recomendo así mesmo comentar este artigo nas clases de ESO e Bacharelato.

Explico a seguir algúns desaxustes normativos para espallar o estándar académico e non, como digo sempre, por hábito de censor. Un dos erros máis habituais nos escritores galegos é o uso de quecer como transitivo ou mesmo como pronominal. En galego quecer, de acordo coa norma académica, é sempre intransitivo e non se pode pronominalizar. Como transitivo ou pronominal utilízase, segundo a norma académica, quentar. Por iso non resulta correcto nós iámonos quecendo… (páx. 101). O correcto é a forma sen pronome: nós iamos quecendo.

O autor así mesmo emprega deitar como intransitivo na acepción de ´tombarse na cama ou noutra superficie para durmir´. Neste caso cómpre utilizar, como ben indica o DRAG, a forma pronominal: Tiñas cara de sono… pois deitaran cedo… (páx. 100). Habería que escribir … pois deitáranse cedo… É este un caso de ultracorrección, pois sabido é que hai moitos verbos que son pronominais en castelán, mais que en galego non o son.

No eido do léxico, utiliza soleado no canto de solleiro (páx. 205). Así mesmo emprega dioivo para referirse á famosa chuvia da Biblia que non parou en corenta días e corenta noites. Segundo o DRAG dioivo só é ´Chuvia moi abundante e corrente que orixina´. Sinala que non é sinónimo absoluto de diluvio e que se confronte con diluvio. Acudimos a diluvio e alí vemos que diluvio só é sinónimo de dioivo como ´chuvia moi abundante´. Na acepción da famosa chuvia bíblica, a RAG impón como forma única diluvio. Por iso, non resulta correcto falar do tempo do dioivo (páx. 153).

Volvendo ao rego, lectura moi aconsellable a deste variado 55 e, por iso, non dubidamos en elixilo para a Tabela dos libros deste mes do compañeiro Armando Requeixo.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados