Menu Xerais

O herdeiro de Balbino, un neno de aldea: o rural de hoxe en «Que non te aten» de Manuel Iglesias Turnes

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela Que non te aten de Manuel Iglesias Turnes.

 

«Que non te aten», novela de intención revolucionaria

A presentación de Que non te aten de Manuel Iglesias Turnes en Couceiro foi outro éxito rotundo. Como sucedera hai uns días en Negreira, os presentadores, Suso de Toro e Pablo Vaamonde, puxeron en relación esta segunda novela do narrador barcalés con As rapazas de Xan, a obra coa que debutara hai catro anos, salientando o certeiro do retrato do mundo campesiño que fai en ambas as dúas.

Suso de Toro cualificou Que non te aten como «novela de intención revolucionaria, nacida coa intención de explicar o que é o campo hoxe, un libro de obrigada lectura para saber o que somos». Para Suso de Toro a novela de Turnes constitúe «un retrato moi veraz do que son as familias, como é a cotidianidade do mundo campesiño actual, un retrato imprescindible para axustarnos a idea do que é hoxe o campo que todos os políticos galegos deberan ler».

Pablo Vaamonde comezou sinalado que «se non existisen As memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, As rapazas de Xan ocuparía un lugar de privilexio na literatura galega». «Nas súas dúas novelas Turnes ofrece dous grandes frescos sobre o mundo rural, As rapazas de Xan do desaparecido, Que non te aten do actual, onde xa non hai convivencia interxeracional baixo o mesmo teito, onde cada unha ten a súa casa, un mundo moderno de rapaces e rapazas con estudos e inquedanzas políticas. Un mundo rural totalmente modernizado, con granxas cuxas muxidoiras teñen a limpeza dos quirófanos». «Unha ollada que pode ser sorprendente nun tempo de feísmo, de reforestación de eucaliptos, de chaletismo rurubano, de proliferación de festas gastronómicas, de apeiros de labranza utilizados como decoración de tabernas. Moita xente das cidades descoñece este mundo.» Rematou Vaamonde cualificando Que non te aten como «unha novela extraordinaria», que posúe un valor engadido, «non é o libro dun estudoso que conta a vida rural dende fóra, Turnes faino dende dentro da súa tribo».

Pola súa banda, Manuel Iglesias Turnes comezou confensado que «eu podería ser Balbino, xa que a min nada se me pesaba por alto, sempre fun crítico con todo o que pasaba o meu arredor». Definiu, despois, Que non te aten como «o retrato dunha xente libre, das relacións sans, pero tamén conflitivas, entre uns mozos e mozas que viven no rural». «Quixen mostrar o rural tal como é, que non se parece nada ao que preteden os medios de comunicación, como o dese Manolo de Xaniño que se vai de putas e caíu no pilón nin coa xente que aplaude a María del Monte e Camela no Luar. Hai moitos Manolos de Xaniño nas cidades e non saen nos telexornais. En Holanda os gandeiros son a xente máis considerada, como aquí os notarios. Aquí isto non sucede, a pesar de que as mellores granxas europeas están en Galicia, cinco das mellores de España. As técnicas reprodutivas que utilizan son as mesmas que as do hospital clínico.Galicia produce o 40 % do leite de España, mais isto non está presente nos supermercados, xa que non se transforma aquí. Esquecédevos de Manolo de Xaniño, no rural galego queda a esencia do país, a lingua».

Referiuse Turnes as súas novelas como corais, poboadas de moitos personaxes, «ambas as dúas non teñen un cerre definitivo, a vida non é unha foto fixa, prefiro que as novelas queden abertas». Rematou a súa intervención, como fixera en Negreira, lembrando uns versos de Manuel María: «Galicia somos nós, a xente mais a fala».

Manuel Bragado

Comentarios pechados