Menu Xerais

O lugar do autor no mundo: «55», de Xavier Queipo. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro de relatos sobre 55 de Xavier Queipo.

 

55

EDIFICIO DE PIARES SÓLIDOS

XAVIER QUEIPO PUBLICA UNHA EXTENSA COMPILACIÓN DE PROSAS NAS QUE SALIENTA O PULO EXPERIMENTAL E INNOVADOR QUE CARACTERIZA A SÚA ESCRITA

A desculpa para a publicación deste libro –o feito conxuntural dos cincuenta e cinco anos do autor- é a responsable de carrexar unha celebración  literaria que permite asomarse a unha parte creativa tan substancial como outras pezas de Queipo xa publicadas ao longo do seu percorrido narrativo, ensaístico ou poético.

55, así pois, baixo unha vontade compilatoria que rescata e presenta felizmente por xunto un corpus literario disperso aquí e acolá, incluíndo narracións que por diversas razóns ficaron fóra doutros proxectos, funciona a xeito de espello, mapa ou cartografía operativa que facilita asomarse a un palmario e transparente edificio alicerzado nuns piares sólidos que testemuñan, de seu, a heteroxeneidade estilística desde a que se construíron, a inclinación pola experimentación que os goberna e a pluralidade temática que abrazan, sempre a través de textos erixidos con solvencia, donos da acaída tensión que deles se agarda e onde en tantas ocasións, aínda, se pode gozar do inesperado. Propostas, daquela, que abalan desde aquelaas nas que se aplica un espírito de xinea e estrutura máis clásica ata aqueloutras nss que o afán por procurar novos camiños se patentiza nunha ricaz mestizaxe.

Poucos libros, coma este, articulan un compendio de singraduras narrativas plurais e poliédricas que serven para  amosar “o lugar do autor no mundo”: un espazo que vai da querenza pola entomoloxía ao mundo dos apócrifos, da temática marítima a aqueles mundos recuados no tempo e distantes, talvez xeograficamente, pero próximos, moi próximos a nós, mercé a que Queipo os fai posibles e probables coa palabra.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados