Menu Xerais

O paso do tempo: «As vidas de Nito», de Xabier Paz. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre As vidas de Nito, de Xabier Paz.

 

 

Memorias da existencia

Hai xa un lustro que o escritor Xabier Paz (A Coruña, 1949) publicara a súa primeira novela baixo o título de Renacer, que descubría a existencia dun narrador de longo alento e dono duns extraordinarios dotes para a narración como ben testemuñaba o esforzado exercicio estilístico que afondaba as súas raíces nunha atractiva trama nucleada no período do renacemento italiano. Pois ben, Paz volve transitar os carreiros do esforzo estilístico, perseverando na relevancia que outorga á propia escrita, malia que a ficción conte agora con personaxes e espazos máis próximos ou familiares ao noso tempo.

        As vidas de Nito, así pois, condúcenos polos derradeiros días de Casiano, que vive interno nunha residencia e rememora o seu pasado a través do diálogo coa súa neta Aldara, compondo unha sorte de autobiografía con ese alter-ego que é Nito, xunto coas recorrentes conversas co seu amigo Valentín e mais co que se podería denominar unha corrente de consciencia que resulta operativa para desvelar unha morea de  aspectos sobre o vivido ou experimentado. É así como se transmite a súa perspectiva arredor dun amplo abano de asuntos, visión que emerxe, as máis das veces, desde unha inequívoca tonalidade de amargor,  mais onde o humor se erixe como unha madeira para se abrazar no medio dun naufraxio que chega ao seu final.

        Quero ver, ou talvez salta á vista, que Xabier Paz quixo compor unha proposta na que, no fondo, se quixese reflexionar arredor dun motivo clásico como resulta o paso do tempo. E faise recorrendo -nunha sorte de novela-río, mesmo novela-xeracional se se quere- aos saberes, que son moitos e variados, do protagonista e que abranguen campos como a filosofía, a antropoloxía, etnografía, a historia, a bioloxía e outros máis. Sen dúbida, é esta unha novela esixente, altamente documentada, onde quen a ela se achegue e persevere ha atopar un universo no que agroman os xogos infantís, a rareza que supón o anómalo crecemento do protagonista, a carón dos elementos que modelaron a súa infancia ou o amor; sen esquecer opinións sobre  a transición política,  o peso da doutrina relixiosa na súa formación, a valoración do corpo humano, a vellez ou mesmo cal é a súa propia visión arredor da práctica da creación literaria.

         O argumento xeral, esa rememoración continua, non cabe dúbida que resultaría monocorde ou abafante se o autor non optase, como así fixo, por incorporar un xogo de múltiples perspectivas a carón de textos de filiación moi diversa que outorgan a precisa variedade ou, se se quere, un apoio xerminal que serve para reconstruír os ecos desa vida, mais ben desas vidas pois o personaxe evoluciona de continuo. Velaí, así pois, poemas, coplas populares, receitas ou reflexións que beirean o xénero ensaístico de fondo filosófico… Unha novela moi rica en arestas e perspectivas, que desvela contradiccións, argumentos e contraargumentos para alimentar unha vida, na que, como sinala o protagonista, “errare humanum est”.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados