Menu Xerais

«O pintor do sombreiro de malvas», de Marcos Calveiro: crítica en O levantador de Minas

O blog O levantador de Minas, de Afredo Ferreiro, publica hoxe unha crítica sobre O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, que reproducimos a continuación:

O pintor do sombreiro de malvas revela desde o inicio un argumento puído e ben equilibrado. Contén unha aventura adolescente no rural, un toque da dicotomía mestre-discípulo e o desarraigo social dun xenio das artes plásticas, todo isto nun ambiente campestre que resulta coherente coa lembranza cromática que podamos conservar dos cadros de Van Gogh. A historia decorre mansamente por mesurados capítulos en que os temas son debullados con intelixente mestría emocional, atrévome a dicir que no ronsel do mellor Agustín Fernández Paz.

Se a isto acrecentamos que a lingua literaria posúe unha riqueza que favorece as descricións sen facerse demasiado mesta para un lector pouco atraído polos virtuosismos cultos, entón chegamos a unha das fórmulas do éxito co grande público. Esta solidez debería facer d’ O pintor do sombreiro de malvas un triunfo máis na feliz ambición dun autor.

Comentarios pechados