Menu Xerais

O protagonista bipolar de “A antesala luminosa”. Texto de Nuria Rivera Barcia

Nuria Rivera Barcia. Educadora Social APEM Betanzos preparou este texto para a presentación na Librería Biblos, Betanzos da novela A antesala luminosa de Antonio Tizón

De ter que cualificar “A antesala luminosa” diría que é, ante todo, unha novela de relacións, relacións amorosas, relacións de amizade, relacións familiares, relacións profesionais e tamén, por que non dicilo, relacións sexuais, en definitiva, relacións sociais.
Conta con dous planos narrativos, o protagonizado polo inspector Sánchez na investigación dun crime e o referente á novela autobiográfica que escribe Gustavo Gallego, principal sospeitoso dese crime. Esta característica da estrutura da novela resulta xa estimulante, ademais de proporcionar uns cambios de ritmo narrativo, en ocasións trepidante, que fai desexar a seguinte páxina sen ter rematada a anterior.
Nestes dous planos narrativos as relacións vanse sucedendo e descubrindo un eixo central a todas, Gustavo Gallego, a súa historia vital vertebra ambos planos, historia marcada polo feito de ter un problema de saúde mental: a bipolaridade.
E aquí é onde a novela resulta novidosa, única. Novidosa porque Antonio arríscase e decide contar as súas vivencias coa enfermidade dende unha perspectiva nova, mezclando a autobiografía coa ficción, fuxindo deses testimonios pesimistas ou excesivamente xoviais que nos atopamos nos últimos tempos.
Presenta a enfermidade mental, tal como é, tal como el a viviu, moi ligada ó sufrimento e fuxindo de fins felices propios de novelas románticas ou pesimismos que rozan o sensacionalismo. Co permiso de Antonio, leo dous extractos da súa novela, o primeiro que me impactou moitísimo, é un suposto monólogo do Demo que lle di a Gustavo: “…. xa estás tolo de remate, pero a loucura non é o que ti pensabas, non é fantástica, non é creativa, non é marabillosa, non é bendición ningunha, a loucura é unha merda, é unha enfermidade moi fodida….” (páx. 126). O segundo fai referencia á visión de sí mesmo que ten Gustavo cando enferma e ingresa e que reflicte na súa novela autobiográfica: “Despois de ano e medio de odisea polo inferno, xa non existe o pasado nin o futuro, só o presente, eterno e triste, tedioso,desolador. Pero o peor de semellante odisea non era a desolación, o tedio, a tristeza, o fastío, a canseira infinita….O peor non é terse por un inútil, un miserábel, un bandallo, un estorbo, un condenado…O peor non é sentirse mal…é non sentir nada. Nada de nada. Nada por nada. Nada por ninguén…o peor é vivir sen esperanza ningunha, sen a esperanza de volver sentir algo algún día.” (páx.140).
Amosa unha visión en primeira persoa da enfermidade mental ligada ó sufrimento, propio e alleo (parella, amigos, familia), sufrimento que coñecemos ben tamén os que traballamos neste eido, e que buscamos reducir de diferentes formas.
E neste punto, é no que, de novo, Antonio consegue adiantarse e introducir un debate que agora mesmo está a soar acerca da consideración da enfermidade mental como enfermidade ou como una circunstancia diferente, unha especie de “superpoder” ligado á creatividade, a novas capacidades e posibilidades sen descubrir (movemento antipsiquiátrico).
A necesidade ou non de medicación, o que sucede cando se abandoa, a desmitificación desta suposta visión positiva da enfermidade mental e a relación directa desta co sufrimento son aspectos que quedan moi claros nesta novela.
Porque, chamémoslle condición, circunstancia, vivencia, superpoder ou enfermidade, se nos produce sufrimento non nos beneficia en nada, nin nos mellora como persoas, e dende o meu punto de vista si debe tratarse de paliar ese sufrimento de diversas formas, se é preciso, tamén con medicación.
E volvendo ó tema das relacións, gustaríame destacar na novela a importancia dos apoios sociais, do difícil papel das familias que se debaten nun mar de dúbidas e tamén o pasan mal; do complicado papel da parella, na novela María Silveira, e tamén no papel das diferentes amigas e compañeiros de Gustavo Gallego que intentan axudalo, acompañalo e consolalo como mellor saben. Destaco isto porque creo firmemente que todos xogamos un papel imprescindible na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, sexa con xestos de apoio diarios e cotiáns ou asociándonos e organizando ese apoio.
Por outro lado, a novela reflicte á perfección a importancia do contexto social, cultural e político; as vivencias persoais, circunstancias vitais, tanto a nivel persoal como profesional, e as habilidades, capacidades e apoios do protagonista para enfrontalas o que inflúe na súa saúde mental.
Antonio consegue tratar todos estes temas, sen caer no pesimismo, dotando de realismo a narración pero tamén de intriga e de humor, sementando curiosidade no lector por un tema como a enfermidade mental.
En definitiva, consegue por un lado falar en primeira persoa deste tema aínda descoñecido pola sociedade, e por outro lado contribúe a visibilizalo e minimizar o estigma asociado á enfermidade mental sendo exemplo de loita, superación e empoderamento.
Amosando que o feito de ter un problema de saúde mental non te convirte en cidadán de segunda nin te incapacita como individuo activo e participativo dunha sociedade.
Paralelamente trátanse temas como a ética periodística, a corrupción policial, a prostitución, a parte de ser unha boa guía de bares e lugares de Coruña, Santiago, Ourense e Madrid, coas correspondentes reseñas gastronómicas…..Tamén cita en varias ocasións a Betanzos na novela, motivo suficiente para a ler….
Gustaríame rematar esta presentación, de novo cunha cita do libro, referente ós proxectos como escritor de Gustavo Gallego, ¿guiño premonitorio quizais desta novela? : “…esquecer o seu primeiro libro e trataría de escribir algo novo, orixinal, único, o obxectivo de tódolos escritores, a obra mestra, definitiva, que só se consegue despois de vender a  alma moitas veces ó demo”.

Comentarios pechados