Menu Xerais

O pulo transformador de Teresa Moure

Baixo o título «O pulo transformador», Montse Dopico publica en Galicia hoxe unha longa entrevista a Teresa Moure a raíz da publicación da súa cuarta novela, A Intervención. A novela relata a preparación da performance artístico-política no Courel, artellada ao xeito do land art. «Nas presentacións do libro poño imaxes de obras de land art. E tamén dunha pequena intervención que fixemos uns amigos e eu. Escribimos a cultura galega limita” -unha polémica frase do conselleiro de Cultura- “nuns muíños en Aríns. Nas presentacións, a xente non queda indiferente, sae conmovida…», lembrou. Na novela, os veciños do Courel tampouco quedan indiferentes ante a acción. A arte é, na novela, «non un dispositivo preciosista para emular realidades, senón un xeito de intervir nelas. Isto está moi conectado coa idea da natureza: temos unha moi mala relación coa natureza. O artista ten a obriga de formular cal é a súa actitude ante a sociedade», defende Moure. O grupo de artistas da novela non permite que a súa arte se institucionalice, malia a vantaxe que isto podería supor, por exemplo para espertar o interese duns medios de comunicación que permanecen indiferentes ata que intervén a xustiza. Porque os protagonistas son como unha célula revolucionaria, de certa inspiración libertaria. «A novela é un pouco ácrata, si», di a autora, que rexeita a definición de utopía como o que non é realizable. Utopía é, para ela, o que está por construír. E o Courel, e o movemento social que nel agromou para defenderse da destrución consentida polo poder, é un exemplo de que «o pobo galego pode liberarse. Podemos redimirnos como pobo. Podemos cumprir calquera proxecto político que nos propoñamos. Só temos que deixar de botar terra enriba de nós, dicindo que somos moi conservadores e iso. A nosa historia demostra que xurdiron rebelións de pequenos grupúsculos». Como os Irmandiños, que están en Unha primavera para Aldara…»

Comentarios pechados