Menu Xerais

O retrato dun tempo e dun xeito de vivir que loita contra unha moralidade desfasada: «Nus», de Manuel Gago. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre o libro Nus, de Manuel Gago, publicado por Xerais na colección Narrativa.

Manuel Gago, «Nus»

O novo traballo de Manuel Gago ficciona unha realidade que moitos dos veteráns lembrarán cun sorriso nos beizos, a loita que se desenvolveu a principio dos anos 80 a favor do nudismo nas praias galegas. Tomando algúns elementos baseados en acontecementos reais, Gago reconstrúe á súa maneira o acontecido dándolle un toque moi persoal. Quero aclarar con isto que se trata dunha obra de ficción, unha novela inspirada na realidade, non dunha reportaxe nin dun ensaio sobre a cuestión.

Para relatar esta historia, o autor crea unha personaxe ben peculiar como é Toño Figueroa, verdadeiro crápula pertencente a unha das sagas aristocráticas máis resplandecentes e poderosas do país. Dende a perspectiva da madurez, o protagonista lembra os seus anos de estudante en Compostela, convidándonos a asistir a un relato en primeira persoa que vén sendo coma un fragmento das súas propias memorias. Mais entre as engurras do relato, amósase con claridade o retrato dunha sociedade en pleno proceso de transformación e a loita contra certos prantexamentos morais que comezan a quedar desfasados no tempo. Lembremos que estamos a falar dos anos posteriores á aprobación da Constitución, acabados de saír dun réxime dictatorial e estreando democracia e institucións, como a nacente Xunta. Tempo de rebumbio aproveitado por algúns dos mellor situados para facer caixa, abeirados aos estertores dunha legalidade que vai quedando atrás e aos primeiros e tímidos pasos das novas normativas.

Mais lembremos que estamos a falar das memorias dun crápula, un mozo que comeza a desapegarse do entorno familiar e a descrubrir por si mesmo todo o que o mundo pode dar de si para un tipo coma el, un caradura acomodado no alto da pirámide social. Así que, aproveitando a loita dos naturistas, tamén asistimos ao espertar reivindicativo e sexual de Toño, aos seus escarceos amorosos con diversas mulleres, ao desenvolvemento da masculinidade herdada da tradición aristocrática e dunha sociedade tan conservadora como aquela da que procede. Mesmo hai espazo para comprender que ese comportamento altivo e dominante non é algo innato no rapaz, senón herdado do seu propio entorno. E aí está a figura completamente destrozada do seu pai para demostralo. Entenderedes a que me refiro ao ler «Nus», pois prefiro non estragar a lectura falando máis da conta.

Esta novela de Gago é unha aposta moi diferente do tipo de literatura a que nos ten acostumados, pero mantén o seu estilo fresco e descarado de anteriores traballos. O uso da ironía e do humor, latentes en cada páxina do relato, fan da lectura algo agradable e axudan a acompañar ao protagonista ao longo da súa andaina, mesmo creando certa vinculación cómplice do lector con el, a pesar de ser un individuo ben pouco recomendable.

Salientables son tamén algúns secundarios como Bernardo Magadán, compañeiro de andainas de Toño, a peculiar Encarna, amante madura do protagonista, ou a díscola e independente Rosalía. Entre todos compoñen un retrato dun tempo e dun xeito de vivir que, dalgunha maneira, parece repetirse na actualidade, polo menos en todo o que se refire á loita contra unha moralidade desfasada.

Manrique Fernández

Comentarios pechados