Menu Xerais

«O único que queda é o amor» e «A noite do risón» incluídos na Lista de Honra do IBBY 2010

Forest Zhang, director de Administración do IBBY, comunicou a editorial a inclusión na Lista de Honra do IBBY 2010 d’ O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz e d’ A noite d’ O Risón de Gonzalo Moure pola calidade da tradución realizada por Ignacio Chao. Ambos os dous títulos foron publicados a finais do ano 2007 na colección xuvenil ilustrada. Os diplomas serán entregados a Agustín Fernández Paz e Ignacio Chao o 9 de setembro de 2010, na sesión que se celebrará no Palacio de Congresos de Galicia dentro das actividades do Congreso Internacional do IBBY que, por vez primeira, se celebrará en Galicia.

O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell é un dos libros máis premiados e recoñecidos dos publicados en Galicia durante os últimos anos. Reeditado en cinco ocasións, con anterioridade a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, recibiu o Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, o Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil), 2007, o Premio Literario Frei Martín Sarmiento (3º ESO a Bacharelato), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 .

A noite d’ O Risón de Gonzalo Moure é unha trepidante novela breve na que un fato de mariñeiros atrapados polo temporal e varias personaxes misteriosas, comezan a contar historias sobre tormentas, naufraxios e mortos. Acollida con entusiasmo polos mediadores, a crítica axiña salientou a calidade da tradución de Ignacio Chao, na que se fixo un magnífico traballo coa linguaxe popular mariñeira.

Os nosos parábens para Agustín Fernández Paz e Ignacio Chao por tan importante recoñecemento.

Comentarios pechados