Menu Xerais

O xornal «Nós Diario» publica unha reportaxe sobre as novidades das editoriais galegas para o outono, con mención a varios títulos de Xerais

O xornal Nós Diario publicou unha reportaxe sobre as novidades das editoriais galegas para o outono, con mención a varios títulos publicados por Xerais.

 

Setembro inaugura un outono editorial anómalo, mais ateigado de novidades

As principais editoriais galegas xa deixan ver as súas achegas de cara a este outono marcado polo contexto extraordinario, con moita presenza do ensaio e das novidades para a cativada. Destaca na narrativa o último de Antón Ribeiro Coello, ‘O paraíso dos inocentes’ (Galaxia), premio Torrente Ballester; unha nova liña de ensaio da editorial Xerais ou a vindeira publicación dun libro de crónica sobre a relación de Lorca con Compostela. Descubre os libros que veñen!

Malia as circunstancias extraordinarias que estamos a vivir, logo da relativa parada do verán, as editoriais galegas están a afrontar setembro cunha recua de novidades que encamiñan o que será un outono editorial con moita presenza do ensaio e gran peso das propostas para a mocidade.

Narrativa e poesía

Dentro da narrativa, Xerais pon o foco nas historias humanas cun crebacabezas de relatos anónimos en Todas as vidas, de Xosé Ramón Pena, xunto á abordaxe do amor entre mulleres que fai Ignacio Vidal Portabales en Lara e Sabela, obra premiada co Lueiro Rey de Novela Curta.

 

Ensaio e crónica

Un dos destacados do mes vén da man de Xerais coa inauguración da colección Contamos a nosa historia, dirixida por Isidro Dubert, que abre O Reino medieval de Galicia, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.

 

María Xosé Queizán achegará un novo libro de pensamento baixo o título Despoxos e vísceras ilustres, no que transita paisaxes diversas, como a existencia dos poetas románticos ingleses, a política bolxevique e a deriva do socialismo alemán após a Primeira Guerra Mundial.

 

 

Xerais contempla na colección de crónica Súbditos ou cidadáns?, unha disección de Henrique del Bosque Zapata, coa capacidade analítica de quen militou nos movementos sociais e políticos, das cuestións que levaron a construír os Estados modernos e as razóns que levan á súa demolición.

 

Para a cativada

Xerais inicia saga na categoría infantil e xuvenil coa primeira entrega d’Os Minimortos, da consagrada autora Ledicia Costas, seguindo as aventuras dunha cuadrilla de crianzas de ultratumba. Do mesmo modo, verán a luz en Fóra de xogo A memoria dos paxaros, de Teresa González Costa; A tropa contra o virusde Alberto Avendaño, e Catro cartas, de Xabier P. DoCampo.

Antía Yáñez marcará un dos pratos fortes do xénero con Plan de rescate, relato gañador do III Premio Agustín Fernández Paz Pola Igualdade 2020, acompañada polo tamén galardoado Xosé A. Neira Cruz, que asina O enigma do baúl pechado, Premio Carlos Mosteiro 2019.

 

Comentarios pechados