Menu Xerais

Oficio narrativo extraordinario: «En vías de extinción», de María Reimóndez. Crítica de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobre sobre En vías de extinción de María Reimóndez.

 

O valor das cousas, desde a outra perspectiva

A marxinación do galego, o ecoloxismo activo, o anti consumismo, o feminismo ou a defensa de nacionalidades oprimidas forman parte dos temas que aborda María Reimóndez en ‘En vías de extinción’, editado por Xerais. Crónica de Xosé Manuel Eyré.

Encetar unha novela  e sentir que un narrador ou narradora competente te compaña dándoche a coñecer unha nova historia, é algo que xa desde as primeiras páxinas se manifesta e axuda a discriminar este tipo de escritas das simplemente narradas. Sentirse a gusto con quen che conta a historia e/ou como cha conta adoita ser a primeira ancoraxe lectora, e axuda a explicar moi ben a razón de que certas autorías gañaran un nutrido grupo de mentes lectoras, poñamos por caso Riveiro Coello, Marilar Aleixandre,Manuel Rivas ou Teresa Moure Moure e por só citar algúns nomes. E cando se abre ‘En vías de extinción’ e se pousan os ollos na súa escrita tamén é a sensación que se experimenta, María Reimóndez fai gala dun oficio narrativo extraordinario ou fóra do común, toda unha garantía para continuar a lectura.
A historia que nos relata María Reimóndez nesta novela ten a misión de ofrecernos a visión que do mundo ten a súa protagonista central ( Mariña/Gaia), unha intérprete e tradutora lesbiana, feminista, anticonsumista, ecoloxista activa, convencida defensora da lingua e identidade galega, non só na teoría senón tamén na práctica. Todos estes parámetros, unidos á moi marcante procedencia montañesa, definen a personalidade dunha personaxe con dous nomes: Mariña, o escollido pola nai, e Gaia, o elexido por ela mesma. Unha personaxe, polo que se ve, de configuración rica e complexa, que nos vai ofrecer a súa particular visión do mundo e das cousas do mundo a través da narración da súa propia historia, historia contada nos termos expresados no parágrafo anterior, cun oficio, desde un saber narrativo sopresivo e contundente que titula as partes da novela con nomes de árbores e numera os capítulos como vetas até chegar á cerna ou centralidade, que manexa os saltos no tempo con mestría, que sabe incluír textos panfletarios sen que sexan considerados sospeitosos de panfletraismo senón como expresiósn pertinentes e necesarias, que precisa pouca cousa para que a mente lectora se sinta ben acompañada. Entendendo por pouca cousa o simple relato e comentario da vida que a protagonista vai atopando diante de si, iso, unido a que o lector/lectora agarde revelacións impactantes e nada convencionais ( o cal se manifesta desde as primeiras páxinas) e a dualidade nominal son o equivalente ás artificiosas intrigas de planificado suspenso en que se adoitan basear outras novelas. O cal supón un reto  do que só unha narradora ou narrador moi competente pode saír con ben.
Nas páxinas de En vías de extinción asístese tamén ao encontro de temas de actualidade que reivindican o rexistro realista e crítico da novela. Eis, por exemplo, a marxinalización do galego favorecida pola Xunta, a instancias dunha recoñecíbel “profesora”, ou a incomprensión que os castelanfalantes adoitan ter para cos galegofalantes e mesmo para coa propia realidade da vida. Eis, tamén, o ecoloxismo activo e defensa convencida dun medio de vida natural, fronte ao consumismo e o cemento que invaden as vidas da xente, ou como prantar árbores na cidade pode ser tido como “arma de destrucción masiva”. Velaí a defensa de nacionalidades oprimidas, outrosí, ou a proposta dunha vida alternativa ao afogante capitalismo, afogante e desnaturalizador, afogante e inhumamo, criminoso que desatende as xentes como fórmula para perpetuar o poder omnímodo do capital. Son algúns exemplos. Sempre desde a óptica do feminismo lésbico.
Isto, o feito de novelar como existe forma alternativa de vida, máis humana, comprensiva e xusta, é quizá o que provoca que as personaxes evolúan pouco, porque interesa máis o contraste fronte a variedade de situacións, contraste ideolóxico, e, polo tanto, puidera observarse na evolución algún tipo de traba ou impedimento. E que a personaxe central teña unha procedencia na que se pode enxergar certo idealismo, totalmente afastada do resto da civilización. Son eivas que, porén, o extraordinario oficio narrativo da autora logra minimizar. O que xa resulta moi difícil de explicar é o uso dunha escrita foneticista nos diálogos, ou pretendidamente foneticista. Ten a virtude de amosar a fala do oriente galego, mais nalgún chégase a exceso, como por exemplo a asimilación da segunda forma do artigo por parte do verbo (de xeito que non se distingue do pronome persoal átono), que dificulta a lectura e non parece xustificábel, moito menos nunha novela, como esta, na que se defende o valor das linguas.
Cada autoría, cada escrita que denuncie, por activa ou por pasiva, o meirande roubo cometido na historia do mundo, o da voz das mulleres, cómpre saudalo efusiva e solidariamente porque a súa presencia social resulta imprescindíbel para unha humanidade que pretenda terse como xusta. Sempre é imprescindíbel a escrita con vocación transformadora, a escrita que invoca unha verdadeira xustiza social, individual e colectiva, comezando porque ninguén se sinta atrapado dentro dun sexo co que non se identifica. Neste sentido, as escritas en defensa da homosexualidade, tanto desde a perspectiva feminina como desde a masculina, son necesarias, pertinentes e imprescindíbeis nunha literatura moderna e que se prece. E, no que á feminina atinxe, ben se nota o paso do tempo, xa o idealismo non lles xoga tan malas pasadas como naquelas primeiras tentativas, mais, igual que tantas veces se ten falado dos escritores cando construían personaxes feminas, tamén será ben que estas saiban tratar de xeito o universo masculino. Gañará a literatura, e, sobre todo a verosimilitude, a capacidade de convicción da perspectiva femina ( e lésbica).

Comentarios pechados