Menu Xerais

Onde a vida é pura resistencia: «As palabras poden matar», de Marcos Calveiro. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre sobre As palabras poden matar, de Marcos Calveiro.

 

 

As palabras poden matar, de Marcos Calveiro

Editouse xa hai algúns meses e o autor ten xa no prelo outra proposta fermosamente titulada Unha casiña branca, mais sería imperdoable ignorar esta novela descarnada e esgazadora, con elementos temáticos parellos á novela queIolanda Zúñiga titulou Periferia. Nesta ocasión, Calveiro opta por seguir un camiño marcado que, á mantenta, non dá as costas a asuntos de índole social adentrándonos nunha atmosfera mesta onde a violencia indiscriminada, a inxustiza ou a opresión que o ser humano se inflixe a si mesmo chegan case a ser tanxibles, o que entendo un dos seus indiscutibles méritos.

      As experiencias que relatan os personaxes, de perfil solvente, agroman no medio dunha prosa esixente onde as súas voces son individualizadas e diferentes. Todas elas alentan nun espazo que é símbolo da marxinalidade como é esa “colonia Seavia”, metáfora doutras Seavias que hai hoxe no mundo, onde a vida é pura resistencia e onde personaxes vulnerables, malia saber que falar pode ser letal, desvelan conflitos reais e desacougantes nos que asoma, ao final, un escintileo de esperanza.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados