Menu Xerais

Opinións dos estudantes do IES Laxeiro de Lalín sobre as novelas de Diego Ameixeiras

Gracia Santorum publicou en As estelas dos ronseis as opinións dos seus alumnos e alumnas sobre diversas novelas de Diego Ameixeiras, moi especialmente A noite enriba.

 

Matarte lentamente

Comentario de Telmo García Castro

Esta novela de Diego Ameixeiras gustoume máis que a outra que lin deste mesmo autor: Historias de Oregón. A anterior obra resultoume un pouco difícil porque era a primeira vez que lía unha narración-puzzle tan complexa e custábame seguir esta técnica narrativa. Pero con esta novela non tiven xa eses inconvenintes e podo dicir que gustoume lela. Resultoume moi entretida e enlazar as diferentes pezas da historia, encantoume. Será porque este estilo tan peculiar de Ameixeiras vaite enganchando e ademais a experiencia  na lectura  sempre é un grao.
O título da obra está sacado dunhas palabras que di a personaxe de Nuria  no capítulo corenta e un, tras saber que a súa parella, Marcos,  violara facía 5 anos a unha camareira chamada Pilar. Con elas supoño que o autor quería referirse ao odio e a vinganza como sentimentos humanos.
Precisamente a violencia é unha silandeira presenza nesta obra.
Impactoume moito a historia de Daniela, esa pobre rapaza que intenta saldar as débedas do seu irmán, facendo de bolera para os narcos e que acaba morrendo por unha sobredose ao rompérselle unha das cincuenta pebidas de cocaína que levaba no estómago.
A súa historia paréceme terrible. A súa violación cando xa é un cadáver por Óscar, o “doce” narco que quere incriblemente adoptar un neno coa súa muller Ana, púxome os pelos de punta. Foi un momento da novela anoxante, pero que non che é indiferente ¡¡¡
Tamén é moi abraiante a historia de Ramón, un pai disposto a todo pola saúde do seu fillo. Este bo  home convértese nun violento asasino dun ruín e desprezábel banqueiro. O amor profundo lévao a ser unha persoa  violenta, pero penso que  o fin non xustifica os medios. Esta personaxe está moi ben descrita e gustoume e vai na liña violenta da que estou a falar.
Son moitas as historias que se encerellan nesta novela e toda esta tea de narracións creo que é unha característica moi propia da novela negra que estudamos nesta avaliación.
Eu ,sen dúbida,  quédome encantado con Matarte lentamente, unha novela moi negra, ben escrita e pensada , e  moi ben estruturada.

Conduce rápido

Comentario de María Rodríguez

Conduce rápido, de Diego Ameixeiras, é unha novela negra. Está estruturada arredor dunha trama principal e tamén varias secundarias que rematan encaixando entre sí, xa que todas elas xiran ao redor do mesmo tema: o narcotráfico.
Esta novela conta o que pasa en tan só cinco días, cada secuencia está marcada pola hora na que acontece.
Está ambientada en Compostela, en lugares recoñecibles,  que vai circulando  a un ritmo rápido, tal e como di o  título da novela.
Os protagonistas son dous irmáns: Erika e Samuel. Ao principio Erika parecía que tiña máis sentido ca seu irmán, pero logo non é así.
Os irmáns  intentan sobrevivir, querían saír da miseria, buscar outro  horizonte, deixándonos ver unha porta de esperanza.
A aparición dun paquete de cocaína  será unha boa ocasión para que os dous irmáns, que viven na marxinalidade en Santiago, busquen unha solución ás súas vidas liberándose da delincuencia.
Para min, o fundamental da historia é o encontro entre Erika e Ventura. No fondo, a parte de ser unha historia de supervivencia, é unha historia de amor.
Os temas presentes na novela son: a marxinación social, o narcotráfico,  a violencia, o tráfico de droga e o branqueo de cartos.
A profundidade que fai o autor desta obra, tanto nos personaxes como no espazo onde se leva a cabo, conseguiu que esta novela se se me fixera moi entretida. Recoméndoa.

Dime algo sucio

Comentario de Noelia García
Dime algo sucio” de Diego Ameixeiras chamoume moito a atención porque dábame a sensación que detrás de ese título e esa portada ía encontrar unha historia que respondera as miñas preguntas de por qué ese título e por qué esa portada.
Foi un libro que o lin rápido, xa que lía un capítulo e tiña a necesidade de ler outro. Aínda que en cada capítulo se narraban diferentes historias, todas elas da vida real, que o único que tiñan en común era a cidade de Oregón estaban todas entrelazadas.
O que menos me gustou foi ao principio cando nos fala da violación, non me gustou porque era unha violación pero na vida real tamén ocorren estas cousas e este libro gustoume moito porque todo o que nos di pasa na vida real.
Os personaxes que parecían xente que pasa desapercibida, xente normal, en cada persoa había unha historia diferente que me sorprendeu.
Outra das cousas que máis me gustan deste libro é que o autor da unha descrición moi detallada na que te imaxinas todo á perfección pero á vez tamén deixa cousas moi abertas para que as imaxinemos nós.
En resumo, este libro gustoume moito e recomendaríao.

 

Historias de Oregón

Comentario de Francisco Rodríguez

Este é o segundo libro que leo de Diego Ameixeiras e, por desgraza, debo dicir que non me deixou tan bo sabor de boca coma o fixera a novela “A noite enriba”. Por ese máxico sabor que Diego me deixara anteriormente creo que tiña demasiadas expectativas postas nesta novela negra e a historia non chegou a acadalas todas coma eu previra.

Eu definiría a este libro coma un gran puzzle xa que cada capítulo semellaba ser unha peziña, que á súa vez non encaixaba coa peza anterior polo que tiñas que ir encaixándoas ti mesmo a medida que avanzaba a trama. Este feito provocaba que, se querías ler unha historia toda seguida, debías saltar dous ou tres capítulos ata que chegabas outra vez a outra peziña que encaixara coa historia que estabas a ler. Esta sucesión tan continuada de capítulos dificultoume bastante a lectura, xa que fixo que o libro se me fixese interminábel pese a non ter excesivas páxinas. Debo confesar que contaba con que, no final do libro, todas as historias se entrelazarían como xa ocorreu noutros libros que lera anteriormente, pero non foi así xa que durante toda a novela o único trazo común entre as distintas historias foi que todas desenvólvense na cidade ficticia de Oregón.

Pese a isto houbo unha historia que me gustou especialmente, esta foi a da vida dunha enorme muller, de Aurora P.G. Pero non é unha muller cunha vida normal senón que sofre un dos peores virus que sofren as mulleres, e que por desgraza aínda non somos quen de eliminar, de eliminar a eses desalmados que maltratan as “mulleres das súas vidas”. Esta historia emocionoume especialmente, xa que os sentimentos que exterioriza Aurora son incribles, ese medo que sente co simple feito de que o seu marido entre na casa pareceme algo que ninguén debería sentir nunca nesta vida. Esa impotencia coa que durme na alfombra porque sabe que se se pon na cama el vaina botar. Ese alivio que sente cando xa acabou todo pareceume un sentimento que penso que é imprescindible nestas persoas que sofren esta situación pero non me pereceu ben como Aurora conségueo e desfaise do problema, porque aínda que ó mellor parece que non hai outra opción, paréceme incrible como deben estar as mulleres maltratadas para cobrarlle o maior prezo posible a ese home que tanto as oprimiu. Pareceme unha gran historia, que deberían ler os rapaces que se están formando para aprender claramente o que NON se debe facer en ningún caso, e as rapazas, tamén en formación, pero desta vez para aprenderlle que ningunha muller merece ser oprimida polo que teñen que elevarse e loitar contra o problema sen necesidade de chegar ó extremo que pon no final da historia.
Outro feito que me pareceu interesante e curioso foi a ausencia total, durante toda a trama, de apelidos completos xa que todos os personaxes aparecen só coas iniciais destes.
Á súa vez tamén se pode observar gran cantidade de acción durante todas as historias o que me gusta moito nun libro deste tipo, coma ocorre na trama dos gardabosques, que está rebosante de acción. Este foi un feito que contrarrestou un pouco coa dificultade de lectura que ofrece a alternancia de capítulos, xa que a abundante acción enganchábache á trama independentemente da historia na que estiveras, o que penso que é un feito que todo autor busca cando escribe unha novela coma esta.

 

A noite enriba

Comentario de María Rodríguez
A noite enriba, de Diego Ameixeiras, é unha novela negra relacionada coa vida dun escritor chamado Ricardo Barros. Aborda asuntos como a soidade do escritor, as súas dificultades para sobrevivir e os seus sufrimentos.
O protagonista  desta novela, Ricardo Barros, tamén é escritor de novela negra;  este escritor que, homenaxea a David Goodis, conta asuntos polos que vai atravesando o protagonista da historia. Entre  as dificultades económicas, a soidade do escritor e os padecementos que sufre, tamén manifesta a obsesión do escritor por rematar a obra empezada en Oregón e que o leva a cruzar o charco para tentar rematala  en Filadelfia, onde nacera Goodis e tamén é protagonista do seu libro,  co que está realmente obsesionado.
Todo isto transcorre mediante fragmentos entrelazados que están simbolizados entre o espazo familiar de Oregón e Filadelfia.
Como en toda novela negra, e así acontece nesta, non podían faltar policías corruptos, asasinatos e traficantes de droga.
A noite enriba é unha novela para gozar, que engancha e invita a manter a tensión ata o final, pero na que tamén, polo menos eu, tiven que volver a reler de novo algunha pasaxe para poder responder as preguntas que eu mesma  me facía.
Dende o meu punto de vista, esta novela gaña en xiros inesperados, cun final ben logrado e imprevisible. Gustoume moito.

Conduce rápido

Comentario de Adrián Mato
O libro é moi interesante e figuroume bastante realista, aínda que nalgunhas partes algo confuso pola grande cantidade de personaxes e nun comezo a pouca relación que existía entre eles. Pareceume impresionante a capacidade do autor para xerar unha historia tan complexa como  é esta. A verdade é que semella una historia moi entretida.
A personaxe que máis me gustou foi a de Ventura, dado que parecía telo todo controlado en todo momento e gustoume como axuda de forma altruísta a Erika e a Samuel, os dous personaxes para min principais desta historia xunto co xa nomeado Ventura. O personaxe de Samuel penso que é a do neno irresponsable que medrou demasiado rápido, dadas as circunstancias familiares. Cre que o ten todo vixiado, mais non é así e ó fin acábase metendo en leas. A personaxe de  Erika é tal cal a dunha nai que quere ante todo o ben de Samuel e estaría disposta a dalo todo por axudalo.

A noite enriba

 Comentario de Francisco Rodríguez

Este non foi o primeiro libro que lía deste subxénero novelístico, a novela negra, xa que, anteriormente xa me adentrara neste mundo cheo de acción con Agosto do 36, pero este libro o único que fixo foi sacarme o carnet oficial de seguidor deste tipo de novela xa que parece que cada libro que leo deste xénero, consegue impresionarme dunha forma diferente,que penso que é unha das cousas máis importantes dos libros, que consigan sorprender.

Debo admitir que, cando comezei a ler as primeiras 20 páxinas pareceume que ía ser un libro que costaría ler principalmente pola alternancia das tres historias que nestas primeiras 20 páxinas aínda ían por separado, pero que me axudaron a coñecer os diversos personaxes da trama.
Cando o historia protagonizada por Ricardo entrelazouse ca protagonizada por Vicente e Selma xa comezei a cabilar de que as dúas historias restantes acabarían nunha soa. Pero pouco a pouco funme internando na trama, tentando sentir o mesmo ca os personaxes para entendelos mellor. Conseguino e o resto do libro foi rodado Gustariame resaltar os abundantes saltos no tempo xa que pareceronme que estaban perfectamente integrados o que facilitaba a súa comprensión.
O conxunto do libro encantoume porque está cheo de acción, asasinatos, persecucións que é o que busco nun libro deste tipo de novela, pero ó mesmo tempo pareceume increible que Diego Ameixeiras conseguira mesturar toda esa acción chea de adrenalina con un puntiño de sensibilidade que, polo menos en min, creou a situación de Vicente xa que tocoume de verdade o corazón o feito de non querer loitar pola súa vida pois négase e poñer a quimioterapia, o que me parece moi mal porque sempre hay que loitar, aínda que as veces con loitar non serva pero polo menos loitar.
Esa loita, por exemplo, vina nas gañas que lle pon Ricardo en acabar a súa novela ben feita. Este é o motivo polo que se vai a Philadelphia que é o lugar onde nacera era David Goodis ,que é o protagonista do seu libro.
Tamén gustoume o feito de que os asasinatos sexan continuados nunha especie de cadea xa que o asasino é asasinado e asi sucesivamente o que me pareceu moi interesante,creativo a ata un pouco cómico.
Pero a historia que máis me gustou foi a do Caimán xa que me pareceu unha historia orixinal, moi rebelde e ata nalgúns momentos conseguíu sacarme unha risiña máxica que eu penso que é unha das cousas que un autor quere producir cando len o seu libro: que se entreteñan.
Quizais, o mellor do libro é o final, como a saída dun labirinto no que ves a luz, xa que me pareceu increible que o personaxe do Caimán fora o pseudónimo co que un autor, que non cheguei a saber quen era, firmaba os seus libros.
En definitiva un libro moi interesante e nos achega aos rapaces á ficción da lectura.

Comentarios pechados