Menu Xerais

Os «Cantares gallegos» de Rosalía, da ecoloxía á Galiza nun mapa global. Anotación no xornal «Nós Diario»

O xornal Nós Diario publicou unha anotación asinada por Irene Pin sobre o libro: Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, edición de María do Cebreiro, publicado por Xerais na colección: Biblioteca das Letras Galegas.

 

«Cantares gallegos» de Rosalía de Castro, edición de María do Cebreiro

O considerado “monumento inaugural” das nosas letras volve aos andeis das librerías nunha edición de María do Cebreiro. A súa relectura de ‘Cantares Gallegos’ propón, por unha banda, ampliar as coordenadas xeográficas coas que se interpretou o poemario, repensando a represención dos espazos, e, pola outra, considerar as “fondas” relacións dos seres humanos coa natureza da que forman parte. 

“A de Rosalía e a de Cantares Gallegos é unha presenza ausente”, comenta María do Cebreiro. Pois malia tratarse dunha “obra auroral” da nosas letras non adoita atoparse no curriculum escolar como lectura obrigada.

“É bastante curioso como unha autora tan canónica, cuxa figura é omnipresente, non ten os textos por enteiro inseridos no sistema educativo”, engade, algo que “dá que pensar”. Este é precisamente un dos principais obxectivos do volume que Xerais saca do prelo este febreiro, prologado e editado por ela, unha achega “especialmente concibida para o ensino”, nos diferentes niveis.

“É bastante curioso como unha autora tan canónica, cuxa figura é omnipresente, non ten os textos por enteiro inseridos no sistema educativo”, engade María do Cebreiro

Aliás, hai unha vontade de enriquecer a obra vinculándoa con dúas correntes emerxentes dos estudos culturais: a xeografía literaria –cuestionando as “implicacións ideolóxicas da representación poética do espazo”– e a ecocrítica –incidindo sobre “os fondos vínculos entre os seres humanos e a natureza da que forman parte”.

A última edición, da man de Anxo Angueira, xurdiu en 2013 con motivo do 150 aniversario da autora, unha efeméride que tamén impulsou estudos arredor dela. A propia María do Cebreiro coordina desde hai dous anos, xunto a Fernando Cabo, un proxecto de investigación sobre as obras completas de Rosalía –logo doutro focado na narrativa–, centrado en cuestións que teñen a ver fundamentalmente con tres eixos: a memoria, o afecto e os espazos.

“Aínda que as obras aparezan como individuais, sempre son colectivas. Detrás hai escolas, tradicións de pensamento ou redes que te acompañan nese pensar”, destaca ela a respecto do apoio do que bebeu este traballo, que enfrontou con “repecto”, mais tamén desde a ilusión.

Ampliar a xeografía

Do Cebreiro parte de dúas hipóteses. A primeira responde a ampliar a escala xeográfica coa que se pensaron os Cantares. “A autora sabía que a cuestión territorial nunca se cinxe unicamente ao ámbito da estética, pois cando cremos estar representando o mundo, en realidade estamos tentando crear ou controlar un mundo”, escribe a investigadora.

Se a Galiza é central, “Rosalía sabe que está no mapa global e a lectura ten que ser global, porque é así ademais como se entende o proxecto político que ela defende”

“A cuestión da xeografía cultural, da oposición entre o norte e o sur de Europa e todas esas ideas que ten ela sobre a paisaxe galega non nacen da nada, veñen de debates culturais e políticos do seu tempo, como os procesos de independencia nacional que se están a dar”, argumenta.

E é que se a Galiza é central, “Rosalía sabe que está no mapa global e a lectura ten que ser global, porque é así ademais como se entende o proxecto político que ela defende”. A relación con América ou o indixenismo non son alleos á súa escrita.

Aínda que a aldea galega se presente como “espazo privilexiado” –se ben moitos outros están presentes–, “non consiste en facer do mundo rural a cerna da identidade colectiva” galega, como sintetizaron algunhas interpretacións, senón que, nunha lectura máis complexa, as aldeas se presentan como “lugares da intensificación das artes da vida“, unha denominación coa que Do Cebreiro se refire “ao que fai que a vida se sosteña e se reproduza na Terra, fronte a todas as forzas que a atacan, como pode ser hoxe o capitalismo, que comezaba daquela na súa vertente industrial”.

O ecoloxismo dos corpos

O rural emerxe así como un escenario que fomenta as relacións entre os corpos. “E cando digo corpos non me refiro só ás persoas”, subliña, incluíndo tamén “os animais –que ao final as persoas tamén o somos–, as plantas, as relacións entre eles”, que se dan no natural dunha maneira que non acontece noutros espazos.

Esa posibilidade de “habitar a terra grazas ás relacións”, na vertente ecoloxista da segunda hipótese, conecta con outro dos puntos fundamentais para a editora: a afectividade. Esta susténtase nun “entendemento materialista da vida”, co corpo (e non a alma) como “verdadeiro lugar das relacións”. Así, “se moitos destes vínculos teñen lugar en espazos rurais é pola centralidade que na literatura de Rosalía de Castro acada a natureza”, analiza a autora.

Eses corpos son ademais “corpos que cantan”, afirma Do Cebreiro, destacando o carácter musical da obra non só nas cantigas e coplas como inspiración dos poemas (aínda que moitos partes de ditos ou refráns), senón en características de índole formal, como a métrica e o ritmo.

“A música é a forza que disolve a diferenza entre os mundos”, escribe. A isto súmanse outros trazos como os modelos femininos alternativos, tal que a costureira que quere abandonar os traballos aos que foi levada por nacemento até a vella peregrina que tivo que aprender mil astucias para comer quente.

Sepultado pola canonización

A emerxencia do mito, nunha canonización en Santa Cultural, seguindo a denominación de Marijan Dović e Jón Karl Helgason para aqueles intelectuais europeos que se ergueron en símbolos das súas literaturas nacionais, puido ocultar feitos, biográficos ou bibliográficos, que afectan a interpretación da obra rosaliana, como que o poemario foi, en primeiro termo, un agasallo para o seu compañeiro, Manuel Murguía.

A emerxencia do mito, nunha canonización en Santa Cultural, puido ocultar feitos, biográficos ou bibliográficos, que afectan a interpretación da obra rosaliana

Do Cebreiro destaca especialmente a idea de “diálogo con outros textos”, anteriores ou coetáneos, que semella terse diluído no carácter “inaugural” do libro, cuxo centenario o 17 de maio de 1963 instaura o Día das Letras Galegas. “Cando se fai ver a Rosalía como unha pioneira da nada, queda totalmente desdebuxada a súa dimensión intelectural, de lectora e receptora doutros textos aos que ela está respondendo”, explica.

Porén, a obra ten na memoria unha das súas fontes, vencellada a textos como as Coplas de Sarmiento, que o conectarían coa Ilustración, ou con ese pasado máis inmediato, por veces chamado Prerrexurdimento. “Facer visíbel ese fresco subterráneo foi unha tarefa moi importante nesta edición”, para entendela no seu contexto “como unha escritora entre outros escritores”, cousa que “non minimiza o que ela fixo, ao contrario. Para min amplifícao”.

“Nada mellor que as evidencias para combater os prexuízos”, di a editora sobre a adscrición como poeta ao tardorromanticismo becqueriano, malia ter Rosalía outras moitas dimensións, desde a de tradutora á de xornalista nos lindes do que hoxe chamariamos autoficción, sen esquecer a de folclorista e etnomusicóloga, entre tantas, fundamental na concepción do seu primeiro poemario en galego.

“Os libros de Rosalía de Castro en lingua galega non foron só escritos para os lectores do seu tempo, senón para os lectores do porvir”, excribe Do Cebreiro

Aliás, Do Cebreiro segue a Carvalho Calero na consideración de que os Cantares “non foron escritos para os galegos, senón para os non galegos” e encádraos nunha tradición demótica. Ao fío disto isto engade: “Se Deleuze escribiu, citando ao pintor Paul Klee, que a literatura non lle fala ao pobo que existe, senón ao que non existe, con el podemos afirmar que os libros de Rosalía de Castro en lingua galega non foron só escritos para os lectores do seu tempo, senón para os lectores do porvir”.

E nese diálogo co futuro, se cadra intrínseco á palabra escrita, ten todo o senso a emerxencia de novas interpretacións á luz do presente, que mantén vivo o legado universal da poeta, esa que “imaxina o pulo e a vibración do mundo vivinte e proxecta utopías comunitarias que non se desentenden do carácter singular, e na mesma medida irrepetíbel, de cada un dos mundos que conforman o mundo”.

Comentarios pechados