Menu Xerais

Os «Contos do mar de Irlanda» de Xurxo Souto navegan na Coruña

Radiofusión publicou unha información sobre a presentación na Coruña de  Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, o libro galego de narrativa máis vendido durante os últimos tres meses.

 

 

Xurxo Souto publica Contos do Mar de Irlanda

A publicación Inclúe mapa do Gran Sol con ollos –e nomes- galegos

Os Contos do Mar de Irlanda chegan á “Croa da Cruña”. O vindeiro mércores Xurxo Souto presenta o seu novo libro nas Portas Ártabras. No outeiro da Cidade Vella, a carón da ábsida da Igrexa de Santa María, cuxo campanario serviu durante séculos de referencia para todos os mareantes que se achegaban a este porto. Nesta celebración da cidade-barco o autor estará acompañado por Manuel Rivas e Felipe Senén. Haberá gaiteiros, cornas e acordeón. Esta presentación será a primeira da serie “Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol, sen saír da Coruña”, que se desenvolverá nas vindeiras semanas en diferentes puntos da cidade.

Comentario da contratapa do libro, editado por Xerais:

«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.

Comentarios pechados