Menu Xerais

«Os periféricos de Iolanda Zúñiga», artigo de Xosé Lois García

Baixo ese título, «Os periféricos de Iolanda Zúñiga» publica Xosé Lois García en A Nosa Terra un artigo literario sobre a novela Periferia, coa que Iolanda Zúñiga gañou o Premio Xerais de Novela 2010. Reproducimos os principais fragmentos:

A novela de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) Periferia, publicada por Edicións Xerais de Galicia e galardoada co “Premio Xerais de Novela 2010”, representa un enorme vencello, por parte dunha escritora en lingua galega e desde Galiza, que nos leva ao centro desas convulsións extremas onde a pobreza crea mundos nada improvisados na súa resistencia existencial. Na proeza das favelas de São Paulo, onde Iolanda Zúñiga tece esas historias tan crueis como inconcibíbeis para que esa realidade puntual non deixe de ser materia narrativa; crónica dun territorio privado no que fica normalizado ese exceso cotián de rebasar límites de miseria e delincuencia. Unha novela na que se mastiga o sabor acedo de millóns de persoas confinadas na periferia do grande e populoso São Paulo, onde se articula a desigualdade e a falta de xustiza social nun Brasil onde predomina a minoría de ricos explotando a maioría de pobres de solemnidade.

Á marxe dese tecido harmónico e suculento que nos ofrece esta novela, cos seus persoeiros principais e con tantos outros nada secundarios, a proposta narrativa concede esoutro interese para que a literatura galega vire cara ao escenario da lusofonía; cara aos acontecementos dos nosos irmáns na lingua. Nesta novela mestúranse as expresións galega e brasileira. A autora desexou a convivencia de dous universos bastante descoñecidos apelando ao idioma común. Ela entrou nas mesmas entreteas das diversas miserias e contradicións sociais dos favelados que viven nesas colmeas de barraquiñas, onde os seus habitantes respiran po e limo das estrumeiras fedentas e malsás. (…)

Así, con «olhos embotados de cimento e lágrima» os favelados respiran bafo marxinal onde os códigos predominan e están regulados dunha maneira solidaria para que a vida, áspera e fráxil, acuñe portento e resistencia alén dos límites que trazan as barraquiñas de pau e lata e dos que enarboran riqueza nas áticas terrazas dos edificios de metal cemento e cristal da Avenida Paulista. Dous desafíos potenciais con olladas cruzadas, desenvolvidas nas longas distancias entre miseria e opulencia.

Iolanda Zúñiga esclarece moi ben ese universo descoñecido e tantas veces rodeado de tópicos, nunha narración densa, puntual e fecundante dun novo evento literario sen retorno.

Xosé Lois García

O artigo pode lerse integramente aquí.

Comentarios pechados