Menu Xerais

Páxinas orixinais capaces aínda de atrapar ao lector: «Once portas», de Héctor Cajaraville. Crítica de Berta Dávila

A escritora Berta Dávila publicou no xornal dixital Praza Pública un artigo de valoración crítica titulado Abril de libros no que fala da novela Once portas, de Héctor Cajaraville, gañadora do Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, 2016.

 

Once portas

É inevitable non recomendar tamén a novela coa que Héctor Cajaraville vén de acadar o XVII Premio Ánxel Fole de narrativa curta, Once Portas, que edita Xerais. A proposta inicial parte dun prólogo no que se presenta ao historiador inventado Guillerme Cardelle, cuxos coñecementos autodidáctas ofrecen unha perspectiva distinta á historia ortodoxa ou aceptada da cidade de Santiago. Así, nos once capítulos que configuran a novela relátase a vivencia dun Cardelle adolescente que haberá de atopar pola festividade da Ascensión a dous personaxes curiosos, un escocés e un vidente africano, a quen convida a almorzar. Como recompensa ao convite, recibe o galano de facer unha pregunta ao vidente, e este revélalle a existencia de once portas na muralla compostelana, en lugar das aceptadas dez, así como de once igrexas e once camiños que unen portas e igrexas. Durante o curso da novela, Cardelle haberá de investigar coa axuda da biblioteca familiar e da consulta a un erudito local, propoñéndose descubrir onde se atopan os lugares revelados polo africano. Novela de escrita áxil e lectura voraz, Cajaraville procura aquí unha outravolta á lenda dunha cidade cuxa historia oficial está marcada pola fantasía e a ficción, conseguindo achegar páxinas orixinais capaces aínda de atrapar ao lector na sensación de estar a ler un conto non contado. Se cadra é o desenlace da novela o menos destacable da mesma, mais esa condición, que podería entenderse como un defecto, serve, sobre todo, para abrir a imaxinación a outros posibles finais e deixar o pouso de quen procura, por que non, outras portas abertas.

Berta Dávila

Comentarios pechados