Menu Xerais

«Penúltimo dietario», de Xosé Neira Vilas, novidade do mes de xullo na colección Crónica

Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, é unha das novidades do mes de xullo, e publícase na colección Crónica.

«Este Penúltimo dietario é unha memoria dos nosos –de Anisia e meus– últimos dezasete anos vivindo no retrinco do mundo onde nacín. Tiña pasado, coma quen di, da aldea ó barco. Levei comigo a lembranza dos meus familiares e veciños, a imaxe do Ulla, os labradíos e os montes de Gres, o Castromouzo, o castro da Pena Andoriña e pouco máis. Tomo conciencia do meu país máis alá do ancho mar, convértome de por vida nun activista galego. Des que nos radicamos en Gres, en 1992, atendemos toda sorte de peticións para contar as nosas experiencias, o que nos permitiu percorrer todo o país, coñecer o seu territorio, achegarnos amorosamente a vilas e cidades, ós seus ríos e montañas, dende Ortigueira a Entrimo e de Fisterra a Becerreá. Alguén dixo que tamén se ama cos pés, camiñando, tripando a terra que queremos. Velaquí, xa que logo, este dietario da nosa andaina por Galicia adiante, no que por veces tamén se inclúen lugares e persoas de fóra».

Comentarios pechados