Menu Xerais

Personaxes que quedan gravados na memoria coma unha tatuaxe: «Os televisores estrábicos» de Ramón Vilar Landeira. Artigo de Vicente de Lema

A edición de Carballo de La Voz de Galicia publicou unha recensión crítica de Vicente de Lema sobre o libro Os televisores estrábicos de Ramón Vilar Landeira.

 

Grandil é nome de pobo

Grandil é unha especie de Macondo situado a cabalo do Anllóns. Debe estar a medio camiño entre as bisbarras de Bergantiños e Ordes. Non deixa de ser un pobo coma outro calquera, con oficina bancaria, mobilizacións polas preferentes, algún que outro suicidio por mor dos desafiuzamentos e ata un atraco cunha vítima mortal, o fillo dos da Coxa de Mugardos, un parado de longa duración do que ninguén pensaría que se lle daría por entrar nun banco cunha pistola de fogueo para marchar cos cartos. E menos atoparse de fronte cun policía local que nunca faría uso da súa arma regulamentaria pero un mal día teno calquera. Para ser máis exactos, Grandil é un pobo imaxinario, unha micropatria literaria, onde a ficción aparece mesturada con feitos que poden ser reais e dá como resultado unha crónica dunha sociedade que brandea por la crise. Seres normais que ven a súa vida abanear por mor das circunstancias. Entremedias, aparecen algúns personaxes de antes, de agora e de sempre, deses que quedan marcados na memoria dun para toda a vida, coma unha tatuaxe ou coma se tivesen a misión de lembrarlle a cada quen de onde saíu e que por moito que un se afaste deles son imposibles de esquecer. Persoas idas que permanecen na memoria con máis forza que moitos vivos cos que un se atopa polas mañás na rúa ou de noite en calquera pub. Son coma contra modelos coa alma destripada cos que un iría ata mesmo a fin do mundo.

Grandil é onde hai Os televisores estrábicos, nos que se ven episodios escritos a ras da vida. Cousas, ás veces, estrambóticas pero que, ben pensado, son do máis normal. Son tan doados de ler que mesmo un se sorprende do pouco que duran, unha especie de pílulas contra o desacougo. Ramón Vilar Landeira, que vén sendo de Rodís, mesmo ao lado de Grandil, é quen conta estas historias, como a do Ferranchas, de Sartego, onde fica para sempre o lixo de Galicia enteira. Nada é casual en Os televisores estrábicos, nos que a vida se ve tan ao dereito que non ten perda.

Vicente de Lema

Comentarios pechados