Menu Xerais

Poemas vivos que piden ser cantados: «Ovella descarreirada», de Marilar Aleixandre. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, ilustrado por Óscar Villán.

 

«Ovella descarreirada», de Marilar Aleixandre

Proposta poética de Marilar Aleixandre que publica a editorial Xerais: Ovella descarreirada vén acompañada das magníficas ilustracións de Óscar Villán. 33 poemas en 3 partes con 11 poemas cada unha. Sen maiúsculas e sen puntos, a autora presenta versos rítmicos que ás veces son narrativos, existindo unha mestura de simpleza e complexidade entre polbos, fanecas, baleas, abellas, ovellas ou curuxas, un repertorio animalístico que nos trae recendos de primaveras e mares afastados -e de defensa da nosa lingua como podedes ver neste poema que aquí vos deito-. Moitos destes poemas piden ser cantados e todos piden estar vivos, coma os seus protagonistas.

Pecha o libro unha declaración de intencións onde o último verso pide que o libro non sexa “enterrado baixo tapa dura”. Desexo cumprido.

os topónimos arrepóñense

aquí as Escaselas
campando por Fisterra
refusan ser a curva da Anchoa
outros culpan á concentración parcelaria:
onde foron a Chousura, o Noucho?
cando o noucho non levaba m
tiñamos nome
fomos engulipados polos Milladoiros
non che teño medo, noucho
noucho, non che teño medo
entullaron as Corredoiras
mais seguimos baixo o cachote
nas rodeiras fican escritos
os carros coa valumada
chegan de apañar a primavera
rebentos de toxo, chorimas
fieitas e algunha canción
Dornas estremaba coa Rucheira
antes de achandaren os arrós
o herbal de Dornas chora polas vacas
como os peitos da nai ao quitarlle o fillo
os Seis Ferrados non queren ser oito
rexeitando os anovados
que arrincou ao monte o bisavó
os topónimos arrepóñense
teiman en seguir vivos
malia non estaren gravados
en metal nin pedra
senón inscritos na memoria
cando sopra o Nordés oulean
Tallo do Vao, Cernado, Mallou
Rego Mar, Cantorna, A Croa
A Grixa, Chorente, Monte Rou
As Laxes, Rebelle, Figueiroa.

Comentarios pechados