Menu Xerais

Premios á conciencia crítica: «A cegueira», de Marcos Abalde Covelo e«Isóbaras», de Gustavo Pernas Cora. Crítica de Areta González Bolado

A revista Grial, que edita Galaxia, publicou unha recensión crítica de Areta González Bolado sobre A cegueira, de Marcos Abalde Covelo, Premio Álvaro Cunqueiro 2011, e Isóbaras, de Gustavo Pernas Cora, Premio Álvaro Cunqueiro 2012,

 

Premio á conciencia crítica

A CEGUEIRA
M
ARCOS ABALDE COVELO

 ISÓBARAS
G
USTAVO PERNAS CORA

Os dous últimos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, A cegueira, de Marcos Abalde (2011), e Isóbaras, de Gustavo Pernas (2012), critican, con estilos ben diferentes, unha sociedade anulada e sen capacidade de reacción, e colocan en escena uns personaxes que tentan sobrevivir nunha fría e desoladora paisaxe.

A cegueira é un texto sobre a banalidade do mal. Sitúase en Palestina, eterno lugar de conflito que aínda hoxe sofre a masacre do seu pobo e da súa terra, mais tamén se refire, por extensión, a todo pobo oprimido. O dramaturgo reafírmase nun xeito de escribir que xa amosara noutras obras, como, por exemplo en Canibalismo. Seis personaxes extraídos do Novo Testamento que serven para reescribir a paixón de Cristo, repiten un ritual onde conviven centos de conflitos particulares e colectivos, de antes e de agora, dando conta da cegueira duns individuos que viven sen capacidade para o diálogo. No centro do simbólico espazo enraíza, evocando a Samuel Beckett, unha oliveira e, aos seus pés, un escenario apocalíptico cun río Xordán negro que arrastra lamentos.

A peza mostra unha loita pola supervivencia descarnada, crueza que expresa o Rei Nu: “Hai un bebé que tenta alimentarse do peito da súa nai morta”. Lemos un discurso furioso e radical que reduce e simplifica, e o autor, consciente disto, defende a aposta a través de María, “maniquea é a morte que decide quen fica deste lado ou quen se vai para sempre”, mmentres cava no furado deixado por unha bomba. Parece xustificada a postura ao tratar da violencia, a perda do territorio ou as humillacións. A obra móstranos, como fixo Saramago no Ensaio sobre a cegueira, o plan consumado polos xestores do sistema para manternos na escuridade. Non hai esperanza e a mofa corrosiva salpica e pon fin á obra, “Alegrémonos! Coa cegueira comeza a danza”. A cegueira convértese na escusa perfecta para deixarse levar.

Xa que logo, Abalde fai unha aposta por un texto que emparenta co teatro do absurdo e da crueldade, con numerosas referencias literarias e simbólicas, poético e de vangarda, non moi común no panorama teatral galego. É unha peza esixente co lector acostumado a un teatro máis narrativo e, por suposto, co espectador afeito a un teatro de entretemento. Sería interesante poder asistir ao exercicio de posta en escena, pois a obra precisa dunha poesía e dun horror visual, sonoro e interpretativo ao nivel do texto e, con todo, que sexa quen de achegarse ao público.

Aínda que co mesmo fondo crítico que o anterior, Isóbaras utiliza unhas convencións máis habituais para o público galego. Hai un espazo, uns personaxes e unhas situacións reais e recoñecibles, porén non ten unha estrutura aristotélica. O autor revólvese contra a estratexia dos poderes políticos e económicos para anularnos, cos medios de comunicación e internet como cómplices.

Fronte ao divide et impera, Pernas demanda unha reacción urxente usando as mesmas ferramentas que Paulo Freire utilizou para a conscientização do seu pobo: pór un espello fronte a nós, demostrar que a realidade cotiá pode ser unha potente vía para a toma de conciencia.

Vemos no texto un desfile de personaxes de diferente clase social, xénero e procedencia que se moven na mesma isóbara, no mesmo balbordo e presión. Os oito personaxes, ás veces realistas e outras non tanto, levan o nome da súa teima ou condición e persiguen a esperanza, o amor, a calor do sol.

A obra é unha conta atrás de explosións que se achegan mentres os personaxes, voluntariamente xordos, expresan en monólogos os seus dramas persoais e, nalgúns poucos diálogos, enchen o ar de verbas superficiais e barullo inintelixible para cubrir a súa alienación. A linguaxe preséntase moitas veces esnaquizada e desarticulada, como un zapping televisivo. Así e todo, déixanse ver algúns dos cismas da nosa sociedade: Belén Esteban e o fútbol, mais tamén os vellos abandonados, a nouvelle cuisine ou as guerras de Kosova ou Iraq. Ademais, tamén hai intres de humor, menos duro e ácido que o d’A cegueira. Aínda que Abalde escribe cunha burla sarcástica e daniña, Pernas fai uso dese humor que serve para relaxar unha situación incómoda. Véxase o relato no que Chef conta como decidiu deshidratar unha bosta de vaca para os seus experimentos culinarios.

Nótase o oficio no autor, artista factótum do teatro galego, nas coidadas indicacións das relacións espaciais dos personaxes que evolucionan de forma conxunta coa luz que se converten na mellor escenografía desta peza, uns corpos que se repelen, atraen, loitan e desexan. Algúns dos monólogos quedan na memoria, como o de Matachín no cru e belo episodio Viky-porco, un auténtico agasallo para calquera actor.

Marcos Abalde e Gustavo Pernas representan a dúas xeracións e estilos diferentes de escribir teatro en Galicia, pero alarmados por igual polos cancros do noso tempo. A cuestión é se os galardóns recibidos poderán dar pulo para a posta en escena das obras cando, hai xa un ano, o Premio Álvaro Cunqueiro foi declarado bienal por mor da redución orzamentaria, ou se un espectáculo de seis actores se converte nunha megaprodución inasumible.

Areta González Bolado

Comentarios pechados