Menu Xerais

Presentación de “Contos do mar de Irlanda” de Xurxo Souto en Celeiro

O xoves, 17 de setembro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural A Casa do Forno, rúa Grande, 61 de Celeiros, terá lugar a performance interactiva de Xurxo Souto sobre o libro  Contos do mar de Irlanda.

No acto, organizado polo Colectivo Chilindrín Penalba, intervirán Bernardo Fraga e Xurxo Souto.

Un día Xurxo Souto sentiu unha terrible falta de ignorancia. A pesar de vivir nunha cidade-barco, A Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar.

Descubriu tamén que esta ausencia de océano era común á inmensa maioría das súas veciñas e veciños.

Decidiu facer algo elemental: preguntar no seu entorno, e axiña apareceron mariñeiros e vellos patróns por todos os curruchos. Un universo –sustento económico da nosa realidade- absolutamente descoñecido para o terrícola.

Desta descuberta xurdiu un libro, Contos do mar de Irlanda.

E tamén este espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e, inmediatamente, interpretan cancións que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galiza do mar que, por fin, comeza a arribar a porto.

Até o momento ten realizado unhas sesenta representacións por diferentes lugares do país, dende a ribeira á montaña. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa ou Bruxelas.

Agora, con humildade e vehemencia, achégase por fin á capital dos océanos: Todos os camiños de Galiza levan ao mar. E todos os camiños do mar levan a Celeiro!

Comentarios pechados