Presentada a novela gráfica «Lois Pereiro. Breve encontro», de Jacobo Fernández Serrano
O Galicia Hoxe recolleu a presentación, o pasado venres de Lois Pereiro. Breve encontro, a novela gráfica de Jacobo Fernández Serrano.
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentou este venres o libro ‘Breve encontro’, unha novela gráfica en branco e negro sobre a figura de Lois Pereiro, poeta ao que este ano se dedicou o Día das Letras Galegas.
Así, ‘Breve Encontro’, creada por Jacobo Fernández Serrano, é un achegamento en forma de cómic á biografía e obra do poeta que se inicia cun breve encontro no que o autor homenaxea a película de David Lean, percorrendo cada unha das etapas do poeta monfortino.
En concreto, na obra podemos ver o nacemento de Lois Pereiro, a súa adolescencia, a súa estancia en Madrid, o envelenamento por aceite de colza, as súas viaxes europeas e a edición do seu primeiro libro, entre outras pasaxes como a edición gráfica dalgúns dos seus textos.
Na súa intervención, Roberto Varela afirmou que “poucas veces un Día dás Letras Galegas alcanzou o nivel de difusión deste 2011”, coa elección de Lois Pereiro, que, na súa opinión, “alcanzou unha conexión cos lectores máis novos”.
En canto ao libro, Roberto Varela destacou a súa invitación a “realizar un percorrido pola vida cultural galega das últimas décadas” e “polos movementos urbanos que dinamizaron as expresións de Galicia”. “Para eles, Lois foi todo un emblema, un símbolo de modernidade da nosa poesía, que hoxe coñecemos todos os galegos”, sentenciou.
Comentarios pechados