Menu Xerais

Primeiro avance das novidades de Xerais de setembro e outubro

Adiantamos algunhas das novidades que aparecerán nos meses de setembro e outubro:

En XERAIS NARRATIVA publicaranse O bosque é grande e profundo, novela de Manuel Darriba; Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, premio Blanco Amor de novela 2012; ademais de Cadeas, premio Xerais de novela 2013, de Xabier López. En XERAIS POESÍA aparecerán Presente continuo de María Reimóndez; Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias; ademais de Dos tempos sombrizos (diario) de Daniel Salgado, premio de poesía Gonzalo López Abente 2013. Na BIBLIOTECA DRAMÁTICA GALEGA, coeditada por Xerais e AGADIC, aprecerán A cegueira de Marcos Abalde, premio Álvaro Cunqueiro 2011 de textos teatrais; Isóbaras de Gustavo Pernas, premio Álvaro Cunqueiro 2012 e O refugallo de Paula Carballeira, premio Manuel María 2011 de literatura dramática infantil, que será ilustrado por Dani Padrón. Ademais publicarase o VII Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, en coedición coa Radio Galega.

No eido da edición de libros de referencia, aparecerá o primeiro dos catro volumes da Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena, así como a monografía de X. Henrique Costas, O valego do río Ellas (Caceres-Estremadura). En XERAIS CRÓNICA publicarase Pontevedra nos anos do medo de Xosé Álvarez.

Será gran novidade da edición xuvenil, o inicio da triloxía Ámote Leo A de Rosa Aneiros, así como a publicación en XERAIS FÓRA DE XOGO de Todos somos, a nova novela de Marcos Calveiro. En XERAIS MERLÍN publicarase O castañeiro de abril de Antonio Fraga, pemio Merlín de literatura infantil 2013, que será ilustrado por Antonio Seijas. Outras novidades infantís serán Os Megatoxos e os Templarios da Luz, terceira entrega da serie «Os Megatoxos» de Anxo Fariña; O pequeno mago, álbum ilustrado que desenvolve a película homónina de Roque Cameselle de proxima estrea; ademais de dous libros cedés, con importantes achegas musicais, A miña primeira Rosalía de Xosé e Xiana Lastra e A terra queima de Eladio Carnota. Tamén será novidade Vento e Chuvia. A mitoloxía da Antiga Gallaecia de Manuel Gago, ilustrado por Manel Cráneo. O 24 de outubro aparecerá Astérix e os pictos, libro de cómic, co que Xerais inicia a publicación en galego da serie de Astérix.

No eido da edición de e-books, ademais da publicación das novidades de XERAIS NARRATIVA neste formato, aparecerán as primeiras da colección xuvenil Fóra de Xogo.

 

Comentarios pechados