Menu Xerais

«Quéroche contar un conto», recensión crítica de Ramón Nicolás

No seu blog Caderno da crítica, Ramón Nicolás publica unha recensión crítica sobre o libro Quéroche contar un conto, libro no que se recollen relatos de An Alfaya, Francisco Castro, Xosé Cermeño, Agustín Fernández Paz e Irene Pérez Pintos, cedidos, por motivos solidarios a ASPANAEX. Reproducimos a recensión crítica:

Hai poucos días ocupábame dun álbum infantil que se achegaba literariamente aos eidos dun trastorno do desenvolvemento como é o autismo.  Arestora cómpre falar dunha feliz iniciativa que Xerais acolle, coedita e pon en circulación e que, fundamentalmente, desvela e amosa algunhas das capacidades, neste caso artísticas e expresivas, que persoas con minusvalía intelectual poden levar a cabo.

Deste xeito Quéroche contar un conto é unha iniciativa partiu dunha nai da asociación ASPANAEX (Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra), que idea a edición dun libro na que un conxunto de escritores prestaran a súa achega literaria, de forma altruísta, para que un grupo de persoas con minusvalía enchesen ese mundo de palabras coas súas propias ilustracións.

Se os imaxinativos e acaídos textos de An Alfaya, Francisco Castro, Xosé Cermeño, Agustín Fernández Paz e Irene Pérez Pintos resultan perfectos, polo ritmo, os asuntos recreados e o tratamento que se lles outorga para un libro destas características e intencións, non o son menos as ilustracións debidas a un grupo de auténticos artistas plásticos como o constituído por Adrián, Inés, Ana Belén, Mateo, Fani e Gonzalo quen, baixo a coordinación de Carmen Jiménez e Mª José Ramos, realizaron un fabuloso traballo que transmite as enormes posibilidades creativas e interpretativas destes últimos.

Parabéns, sen dúbida, a todos os responsables desta iniciativa literaria e solidaria, dous adxectivos que deberían se vincular en máis ocasións das que estamos afeitos.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados