Menu Xerais

Ramón Nicolás repasa no «Breviario» algúns dos últimos títulos publicados por Xerais

Ramón Nicolás repasa no seu Breviario de Biblos algúns dos últimos títulos publicados por Xerais:

1. Entrevístase neste número de Biblos. Clube de Lectores a Agustín Fernández Paz e, en boa lóxica, ocupa moita atención nela o seu último libro: Non hai noite tan longa. Noutro sitio xa me referín a este libro mais quería agora subliñar a relevancia deste título que se erixe desde un substrato de arrecendo shakesperiano e onde non é difícil, por máis que iso sexa un tanto aleatorio, reparar nun axuste de contas a un tempo vivido. A mestura dos recursos de novela negra cos da novela psicolóxica xunto co especial coidado expositivo condúcennos a unha auténtica epifanía contra a desmemoria do noso pasado máis recente. Aínda que só fose por iso, que non o é, xa pagaría a pena.

(…)

A cousa aínda resulta máis perentoria cando o texto en lingua galega vai ser, durante meses, practicamente a única versión peninsular que existe e penso en Despois da medianoite, de Salma. (…).

3. Publícase tamén estes días a última novela de An Alfaya titulada Vía secundaria, que foi premio de novela por entregas La Voz de Galicia en 2010. Tiven a fortuna de formar parte do xurado e lembro como elementos máis salientables o acaído do seu ritmo para as esixencias do xénero e o desenvolmento das temáticas da incomunicación e da soidade, entre outras. Deséxolle a mellor das sortes para esta edición como libro independente pois ben o merece.

4. Conclúo con tres referencias a recentes publicacións que se engaden á celebración do Día das Letras Lois Pereiro e que, por mor de seren publicados tras o 17 de maio, non sería de xustiza que ficasen esquecidos. Trátase dunha moi recomendable achega, en forma de banda deseñada, á obra e á vida do poeta da man de Jacobo Fernández Serrano titulada Lois Pereiro. Breve encontro; e logo, senllos monográficos que chegan, respectivamente, da USC o primeiro e da Universidade de Vigo o segundo, este último en colaboración con Xerais: Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, coordinado por Anxo Tarrío e Mª Xesús Nogueira e Que lle podo ofrecer a quen me intente?, baixo a responsabilidade de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados