Menu Xerais

Recomendo a súa lectura: «Somnámbulos», de Suso de Toro. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da Crítica unha recensión sobre Somnámbulos, de Suso de Toro, autor que acaba de ser galardoado co Premio Internacional de Omniun Cultural en Cataluña.

 

Somnámbulos, de Suso de Toro

Hai un par de meses saudaba brevemente, desde as páxinas da revista Biblos, a aparición deste libro de Suso de Toro. Mais só estes días pasados  puiden acometer a lectura destes tres relatos, unificados baixo o título de Somnámbulos, que nos devolven, talvez, unha parte substancial do que a súa narrativa é.

      A ollada ao pasado como materia narrativa non é novo en Suso de Toro, mais se cadra si o é atoparse, unha vez máis, coa fluidez e axilidade narrativa, cunha escrita de carácter sintético, que nos sitúa, en efecto, na memoria e nas súas ramificacións nunha proposta que, como en Sete palabras, hai moito, seica, de autobiografía.

    Nos tres relatos navégase por esas augas que son a memoria. Así se estrutura e goberna  “Negocios de familia”, o primeiro deles, particularmente un dos que me parecen máis redondos,  se cadra por esa fabulosa e dupla regresión ao pasado que se recrea e polos personaxes construídos e as situacións descritas, realmente claves para entender iso que se deu en chamar “Transición” e que Lueiro Rey sempre adxectivaba con moito tino co termo “intransixente”. A mesma intención, pero agora focalizada na perda -ou suposta perda- da memoria é a que paira en “Auga derramada”, relato en que difícil imitación gozaría en ninguén esa voz do ancián que persevera e se deixa oír con teimosía logo de asistir a aquilo que conta  e, igualmente, semellante intención repousa en “Insomne”, que converte en tanxible un personaxe aínda hoxe é difícil esquecer: ese alguén que non é quen de durmir e que quere exercer o poder aínda despois de morto.

    Gustoume este reencontro coa narrativa de Suso de Toro e recomendo a súa lectura. Particularmente fago votos porque a espera doutra mostra creativa do autor non se demore tanto.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados