Menu Xerais

Reflexións de Xosé Manuel Eyré en torno a «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

Xosé Manuel Eyré avanza no seu blog algunhas reflexións en torno a Un dedo manchado de tinta de Manuel Portas.

Non dei rematado de ler Un dedo manchado de tinta. E non dei rematado porque planifiquei mal as lecturas, non porque o de Manuel Portas sexa difícil de ler, porque non o é para  nada o mosaico de personaxes que sostén esta lectura, xentes desas ás que non se lles presta atención, xentes do común, desde delincuentes de pouca monta a caixeiras de supermercado, inmigrantes…xentes que só a traxedia trae ás portadas dos medios. Curiosamente, porque, para traxedia a da súa propia vida, as vidas deses seres grises empeñados  en vivir cando se desapareceran pouco máis se botarían en falta que outra masa que ocupara o seu lugar. Mais, aínda así, seres que non deixan de turrar pola vida mentres esta os vai gastando a medida que lles lembra que a felicidade é unha utopía, que non é cousa para eles, que eles está feito dunha pasta que non casa ben coa felicidade, sequera coa harmonía vital.

Escribo de memoria porque, que casualidade, o libro quedoume esquecido en Esteiro, e con el os apuntamentos que fun tomando. No lugar do de Portas trouxen a novela de Salma, á que teño moita gana de meterlle o dente, de feito xa comecei. E digo o libro de Portas porque está aí, na fronteira entre a novela e o libro de relatos. Dos Passos ou Cela son dous referentes inexcusábeis, nas súas Manhattan trasfer e A Colmea, porque a arquitectura narrativa vén sendo a mesma. De feito non habería problema en chamarlle novela, de non ser porque Gonzalo, o autor implícito,  se decanta por non facelo. Aínda que hai que ter enconta que Gonzalo é unha personaxe para a cal os libros pouco máis son que somníferos…

Non é nada que non se teña feito xa, fóra do peculiar xeito de narrar de cada autor. Á cabeza venme agora Blanco Amor, o Blanco Amor de Xente ao lonxe, por exemplo. Blanco Amor si novelou conscientemente. O diferencial está en que Portas non se esfora tanto en dotar ás personaxes dun espazo común…e na maneira de contar.

Si, non é nada que non se teña lido xa, porén é desas lecturas que che se meten, desas que nunca te arrepentirás de facer.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados