Menu Xerais

Reportaxe de Montse Dopico sobre «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz

Montse Dopico publica en El Mundo unha ampla reportaxe sobre Non hai noite tan longa de Agustín Fernández .

Agustín Fernández Paz: ‘Quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo’

Poucos autores hai na literatura galega tan recoñecidos como Agustín Fernández Paz. Non hai premio que se lle resista. Gañou o Lazarillo, o Edebé, o Nacional de literatura infantil e xuvenil, foi incluído na Lista de Honra do IBBY, na lista The White Ravens, este mesmo ano foi escollido pola OEPLI como candidato español ao Premio Andersen 2012… Máis que consolidado como escritor, adquiriu ademais unha especial relevancia -non buscada, como el mesmo dixo-, ó rexeitar o Premio da Cultura Galega outorgado pola actual Xunta de Galicia.

A súa decisión, coherente coa súa militancia no movemento de defensa do galego, -é un dos membros fundadores de Prolingua, ademais de contar cunha ampla traxectoria no traballo normalizador no mundo do ensino-, debeuse ó seu desacordo coa política cultural e lingüística do Goberno. Agora, Fernández Paz volve á actualidade coa publicación do seu último libro, ‘Non hai noite tan longa’ (Xerais), que se pode considerar a súa primeira novela para público non infantil e xuvenil, e que acaba de presentar na Feira do Libro de Vigo. A obra conta o reencontro de Gabriel, o protagonista, co seu pasado, coa historia da súa familia, á que deixara había máis de trinta anos coa intención de non voltar xamais.

“O libro ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60”, explica o autor. A obra amosa algúns elementos propios da novela negra. Gabriel investiga os feitos que levaron ó seu pai, inocente, ó cárcere, acusado de violar unha rapaza. “Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción. Así é a novela negra clásica. Nesta obra hai unha indagación moral. Sobre unha sociedade capaz de facer cousas como obrigar a calar a unha muller violada, como o personaxe de Berta. Culpaban ás mulleres dese acto de violencia de xénero dicindo que eran ‘lixeiras de cascos’ e cousas así”, indicou.

Unha ollada ao abuso de poder

O libro olla ao abuso de poder. Os pais que obrigan a calar e aturar como poida á rapaza violada. A garda civil que arranca con torturas falsas confesións. A sociedade enteira, dun pobo que lle dá as costas a un dos seus. As autoridades locais, que tapan o crime cometido polo fillo dun dos ricos da vila. “A novela contrapón dúas épocas, a de cando Gabriel era mozo, e a época máis actual, o

2002. A intención era reflexionar sobre aquela época pero tamén sobre o tempo presente. Non quixen facer unha novela de bos e malos, hai unha ambigüidade consciente coa que lector se ten que manexar. Non quixen deixar todo atado e ben atado. O lector ten que deducir por que o pai de Gabriel acaba no cárcere, que foi o que fallou. Si quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo, e a impunidade que chegaban a acadar. Familias que manteñen a súa posición na escala social ata a actualidade”, sinalou.

Na portada do libro sae unha foto de Rosa Parks, a muller que non lle cedeu o asento no autobús a un branco porque estaba “farta de ceder”. “Martin Luther King escribiu sobre ela. O Movemento polos Dereitos Civís ten aínda moito que ensinarnos: a non violencia, a protesta… e o movemento do 15-M ten que ver con isto, aínda que estea menos organizado”, opinou.

Na traxectoria da familia de Gabriel, anarquista e republicana, pode recoñecerse a de moitas outras represaliadas no franquismo. “Documenteime moito para escribir este libro. As historias de vida teñen puntos en común. Cito no libro á historiadora Ana Cabana, e a outros. Gabriel fuxira do seu pobo, cheo de xenreira polo que lle estaban a facer a seu pai. E decidira non volver nunca, de feito non o fai ata que lle morre a nai. Cando volve, decátase de que hai todo tipo de xente, coas súas debilidades, e que tamén houbo moita xente que resistiu como puido. E foi así como foi, na ditadura, en Galicia e en toda España”, subliñou o autor.

O pantasma do pai

Gabriel actúa por encomenda do seu pai, que se lle aparece como unha pantasma. O seu obxectivo será, así, restaurar a dignidade deste home, porque “a dignidade non prescribe”. “O lector pode interpretar que é unha pantasma, ou que unha trasposición da mala conciencia, do sentimento de culpa de Gabriel por ter abandonado a súa familia. A ferida non era só da súa familia, era del, que comeza tendo unha visión moi ácida sobre o seu pobo, para despois evolucionar cara a unha óptica máis comprensiva. Ve que houbo vítimas, e xente que se deixou ir, consentidores como di a historiadora Ana Cabana…”, asegurou.

Xunto a Gabriel, transitan pola novela personaxes secundarios importantes, como a citada Berta, ou a irmá de Gabriel, que resistiu e quedou na vila, ou Milucha, a amiga da infancia. “Os personaxes secundarios son moi importantes nas miñas novelas. Moitas veces quedo con ganas de darlles máis vida, pero se o fixese a novela descalabraríase. Nesta novela podería falar moito máis sobre Berta, ou sobre Milucha. A través da segunda falo sobre a represión sexual das mulleres, da que ela puido liberarse, ó contrario de moitas outras…”, insistiu.

Fernández Paz participou hai uns días no acto dos 20 anos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. E denunciou que o Goberno tenta baleirar de significado a normativa sobre a lingua. “Utilicei como metáfora as coleccións de ovos de paxaro que faciamos cando eramos nenos. Sacabámoslle ó ovo a clara e a xema e quedabamos coa casca. Pois o mesmo está a pasar coa lexislación lingüística. Só os nenos galegofalantes poderán ter ó final da educación obrigatoria un mesmo nivel de dominio do castelán e do galego. Os castelanfalantes, tal como estamos, non o conseguirán”, aclarou.

Montse Dopico

Comentarios pechados