Menu Xerais

«Salma e a delicadeza contundente»: valoración de Xosé Manuel Eyré sobre a novela «Despois da medianoite»

Baixo o título «Salma e a delicadeza contundente», Xosé Manuel Eyré publica no seu blog algunhas consideracións en torno a Despois da medianoite , a novela de Salma.

Salma e a delicadeza contundente

Son moitas as cousas que me atraen do Despois da medianoite de Salma. Unha delas, como indica o título destas liñas é a delicadeza contundente da súa escrita nesta novela. Segue unha estratexia narrativa que no século pasado gozou de grande fortuna, e consistente na simple xustaposición de secuencias narrativas desde a cal se procura a complicidade do lector ao esixirlle que implemente el as xunturas e contiguidades precisas para lograr o todo desde as partes. Mais a noticia non está niso, a neu ver. Senón na delicadeza da súa denuncia. Unha delicadeza desde a cal non se observa nin o máis mínimo aceno de control autorial intencionado. Unha delicadeza que nace do respeto, do respeto discrepante. E que leva a unha decidida tentativa de comprensión da sociedade que retrata. Isto fai que me pegue, aínda máis, ás paxinas da novela posta en galego por María Reimóndez.

Para os occidentais, que pouco sabemos da vida e sociedade nun lugar tan afastado como a India ( mentres outras sociedade, penso, por exemplo, na dos USA, nos invade até a obscenidade), a novela de Salma constitúe unha engaiolante maneira de nola aproximar, de familiarizárnola. Impagábel.

E para os orientais, para a mesma sociedade retratada, esa delicadeza non é menor.

E aos meus ollos ocidentais choca formetente que Salma fora obxecto de críticas destrutivas polo uso da sexualidade nas súas obras. Teño poucas referencias disto, e as que teño son de segunda man. E penso que o que encobren é a necesidade de condenar ou desfacerse dunha escritora molesta, incómoda simplemente por poñer ao ar aspectos moralmente pouco sostíbeis en pleno século XXI.

Aliás, como xa anunciei, vou empregar esta novela no ensino. Unha das tarefas inmediatas e urxentes consiste en familiarizar os alumnos nos diversos tipos de lectura. E, para comezar, na lectura que esixe colaboración lectora. Esta pode ser, é, un exemplo acaído.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados