Menu Xerais

Series xuvenís. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre as series xuvenís en Xerais.

Series xuvenís

Hai tempo que vimos apostando en Xerais pola publicación de series xuvenís como un espazo para a ampliación e formación do lectorado dende a preadolescencia. Un subxénero da literatura infantil e xuvenil que non debe ser esquecido e do que temos numerosas mostras no noso catálogo. «As aventuras de Said e Sheila» de Ramón Caride, nacida a partir de Perigo vexetal, premio Merlín de 1995, abriron hai agora vinte anos na lix galega este tipo de edición; unha serie que o autor pechará esta primavera coa publicación do quinto e derradeiro volume, O camiño da Estadea. o regreso de Said e SheilaXosé Miranda publicou dúas entregas da serie de maxia «Amancio Amigo», mentres que Xesús Manuel Marcos outras tantas d’ «O Brindo de ouro», serie con vontade triloxía de espírito tolkiniano nacida do premio Merlín de 2004, como tamén o foi a de Mar Guerra, protagonizada polo simpático Xenaro Conese Maiúsculo, gañadora do Merlín 2008.

Manuel Lourenzo tamén desenvolveu unha serie de dúas novelas xuvenís a partir de Irmán do vento, o premio Merlín de 2003, ao que seguiu Flor de area, dous relatos sobre a guerra de Iraq. O mesmo autor creou o personaxe de Tanis I O Mocos, o príncipe herdeiro do reino de Sofrovía. Pola súa banda Jaureguizar, en colaboracion co ilustrador Matalobos, ten en marcha dúas series recentes de diversa fasquía,« Os Sabuxos», serie de intriga preadolescente, e «Un misterio para Tintimán», que percorre a historia das cidades galegas da man dun intrépido reporteiro adolescente. Elena Gallego é a autora de «Dragal», a serie do dragón galego, catro títulos até o momento, alicerzando un mundo de fantasía sobre a memoria do noso patrimonio oral. Mentres Rosa Aneiros ofrece na triloxía «Ámote Leo A.» unha viaxe por varios continentes dunha moza galega ao remate dos seus estudos universitarios. Anxo Fariña creou «Os Megatoxos».

Manuel Bragado

Comentarios pechados